A aula CeMIT de Ames vén de anunciar a programación de novos cursos para os meses de febreiro e marzo. A axenda formativa inclúe cursos para adultos e menores. En canto aos primeiros, a listaxe de actividades inclúe unha de mecanografía e outra de manexo de aplicacións para o móbil. En marzo, comezaran dous ciclos de introdución ao uso do ordenador: un de iniciación á informática, no que se aprenderá a usar o rato e teclado, o sistema operativo e a súa interface; e outro de iniciación á Internet, onde se mostrará como manexar Internet e os seus buscadores para acceder a toda clase de páxinas e servizos.
Ademais, en febreiro proseguirase cos cursos destinados a introducir á veciñanza na suite ofimática LibreOffice, con dúas actividades formativas sobre o procesador de textos LibreOffice Writer (un de iniciación e outro máis avanzado, para os cales só pode apuntarse en lista de agarda) e outros dous de follas de cálculo que xa se desenvolverán en marzo.
En canto ás accións destinadas a menores, programouse un curso de informática para nenos/as de nivel básico, e dous de mecanografía, un para menores de 10 anos e outro para maiores desa idade (ambos coas prazas cubertas). Asemade, con motivo da celebración das festas de Entroido desenvolverase varios obradoiros lúdicos e educativos para que as nenas e nenos avancen na súa formación mentres se divirten e desenvolven actividades de carácter máis lúdico. Entre eles, un obradoiro sobre como dominar o rato no Paint, un de programación con Scratch e outro de fotomontaxes sinxelas.
Cursos de teleformación para a preparación exame CODIX
Dende o martes 4 de febreiro abrirase o prazo para o curso de teleformación para a preparación do exame CODIX. Este curso dunhas 200 horas será en modalidade online na plataforma EMA e só ten como requisito ser maior de 16 anos e estar rexistrado nunha aula CeMIT.
Charlas FEGAUS
As charlas FEGAUS (Federación Galega de Asociacións Universitarias Seniors), xirarán en marzo en torno ao tema do turismo e a tecnoloxía. As tres que están programadas son: O kit online de viaxe, Descobre a través a rede de actividades de lecer na túa cidade sen gastarse unha fortuna e Reserva as túas viaxes e actividades de ocio a través de Internet.
Exames EMA
A programación da aula CeMIT de Ames tamén inclúe a realización de dous exames EMA, que consisten nunha proba presencial que se precisa para acadar o diploma en determinados cursos de teleformación do Espazo Multimedia de Aprendizaxe CeMIT. Serán o venres, 14 de de febreiro, de 17:30 a 18:30 horas, e o venres, 13 de marzo, en horario de 12.00 a 13.00 horas.
Ames brinda un completo programa de cursos TIC para os meses de febreiro e marzo
Compartir Este Artigo

