Este luns 10 de febreiro celebrouse un novo coloquio da Tribuna do Círculo de Empresarios de Galicia, un encontro empresarial que contou coa presenza do conselleiro delegado de R e do Grupo Euskaltel, José Miguel García, que debullou as Claves para competir nunha contorna global dixital ante un nutrido grupo de directivas e directivos das empresas galegas. García apoiou parte da súa intervención nun dos grandes obxectivos da operadora de telecomunicacións con respecto ao tecido produtivo da súa contorna (a nosa): “Queremos que as empresas galegas sigan medrando con R grazas á nosa expansión nacional”. Segundo explicou, o crecemento da operadora, un proceso que vai seguir “un modelo operativo único e eficiente”, será un elemento de impulso para as firmas da nosa terra.
Tamén fixo saber que, alén da folla de ruta para o espallamento de R e do grupo do que forma parte (Euskaltel), o compromiso de R con Galicia “é inquebrantable e tradúcese en máis de 1.300 millóns de euros investidos dende o seu nacemento nun proxecto que xa chega a preto de 140 municipios da Comunidade Autónoma”.
Tras ser presentado pola presidenta do Círculo, Patricia García e por David Regades, delegado da Zona Franca de Vigo, García puxo o foco en como a aparición das novas tendencias está a transformar os hábitos dos consumidores: “Os servizos OTT están a impulsar unha conversión radical en gran cantidade de sectores e ningunha persoa nin empresa pode obviar esta realidade; temos que adaptarnos e tirar o máximo partido da transformación para facer a nosa vida máis fácil e optimizar os nosos negocios”, asegurou.
Segundo engadiu, a expansión do grupo polo resto do territorio estatal onde “aínda non estamos presentes” será un factor clave tamén en Galicia, “porque seguiremos dando percorrido a este compromiso permanente co desenvolvemento do tecido empresarial galego”.
Tamén explicou que a fórmula de crecemento en España aséntase na fórmula de compartir redes con outros operadores “e consolidarnos como a única empresa do sector deslocalizada de Madrid”. Trátase, dixo, “dunha oportunidade de mercado única que non podemos deixar pasar”.
O conselleiro delegado de R sostén que o compromiso da operadora con Galicia é inquebrantable
Compartir Este Artigo

