Tres dos nosos sectores máis punteiros, o motor, as novas tecnoloxías e a alimentación, veñen de participar en Israel na procura de novos mercados e colaboracións internacionais. En concretos, dez empresas dos ditos eidos de actividade fixeron acto de presenza no evento OurCrowd Global Investor Summit en Xerusalén, compartindo experiencias e mostrando achados ante investidores e startups de todo o mundo. A misión galega foi unha realidade grazas ao apoio do IGAPE, que salientou a importancia de incrementarmos a nosa presenza no devandito país, onde xa venden produtos e servizos 156 firmas galegas, superando as súas exportacións os 88,5 millóns de euros.
A dita feira desenvolveuse entre o 11 e o 13 de febreiro. As empresas da nosa terra acudiron a ela por terceiro ano consecutivo. Baixo o lema Startups: Going Beyond, a presente edición do foro congregou unhas 20.000 persoas de máis de 150 países e máis de 100 novas firmas innovadoras, nun espazo de intercambio de tecnoloxía innovadora en saúde, alimentación, clima e ciberseguridade, entre outros sectores, que incluíu reunións corporativas e foros de capital risco.
Ademais da participación neste foro tecnolóxico, a misión comercial galega traballou nos días previos ao evento no impulso das relacións entre as nosas firmas participantes e as israelís dos respectivos sectores produtivos, mantendo distintas encontros tanto nas que se abordaron, entre outros asuntos, a transferencia de tecnoloxía e coñecemento, e a aprendizaxe da cultura emprendedora israelí.
As nosas firmas TIC buscan oportunidades en Israel
Compartir Este Artigo

