A Universidade de Vigo está a dar pasos nas posibilidades da Realidade Virtual para mellorar a nosa calidade de vida dende múltiples vertentes. Neste punto traballa o grupo HealthyFit (Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte), que ten entre mans un proxecto para espremer as tecnoloxías inmersivas e deseñar e desenvolver programas terapéuticos de actividade física dirixidos a persoas maior. Os seus achados, froito dunha proba piloto con doentes de párkinson, poderían ser aplicados noutros colectivos e noutras patoloxías. O éxito do seu labor baséase na boa acollida que teñen entre as persoas as metodoloxías baseadas en RV e gamificación.
Tralo desenvolvemento deste proxecto (unha tese de doutoramento en orixe) atópase o investigador Pablo Campo, que conta coa dirección de José María Cancela, e do profesor da Facultade de Fisioterapia Gustavo Rodríguez.
O obxectivo, sinala Cancela, é aproveitar a “capacidade de adherencia” dos xogos para “traballar de forma inconsciente determinados parámetros que doutro xeito sería moito máis complicado”. Nas súa palabras, este tipo de plataformas permitirían levar a cabo nunha “contorna segura” actividades nas que as e os maiores teñan que “responder a unha serie de estímulos”, á vez que posibilitarían o deseño de terapias individualizadas, xa que o propio programa permitiría unha avaliación en tempo real dos parámetros que se pretende traballar. “Realmente sería intervención e avaliación ao mesmo tempo, o que permite ir adaptando a terapia en función dos resultados acadados nas sesións anteriores”, sinala Cancela.
Respecto das probas, están a ser moi positivas, segundo apunta Campo, explicando que traballou tamén na adaptación ao castelán dunha escala que permitise identificar “os principais síntomas asociados á inmersión” que supón un dispositivo no que o usuario pode verse no medio de múltiples escenarios virtuais. Tras esta primeira análise, o seu seguinte obxectivo é desenvolver con persoas maiores “un programa de exercicio terapéutico, que poidamos adaptar ás características das persoas, como idade, patoloxías, sintomatoloxías ou, por exemplo, á farmacoloxía que teñan asociada”, e co que poder traballar desde aspectos de mellora da coordinación, equilibrio, reflexos ou mobilidade articular a cuestións específicas vinculados a determinadas patoloxías, como poderían as alteracións da marcha nos pacientes de párkinson.
O estudo piloto con estes colectivo constitúe o punto de partida dunha liña de traballo a longo prazo para o grupo HealthyFit, que asinou recentemente convenios de colaboración con dúas empresas especializadas en Realidade Virtual e desenvolvemento de software.
A primeira proba, con pacientes de párkinson
Coa colaboración da Asociación de Párkinson de Vigo, nas últimas semanas Campo puido levar a cabo un estudo piloto con persoas afectadas por esta enfermidade. “Buscamos un perfil de xogo que fose sinxelo de interpretar, coa idea de estimulalos cun tipo de exercicio terapéutico que lles resultase atractivo e que lograse que os seus mecanismos de atención funcionasen”, sinala, engadindo que estas probas buscaban comprobar se a proposta era “atractiva, factible e segura”, tendo en conta ademais o potencial da Realidade Virtual no tratamento dunha patoloxía na que os programas de exercicio físico producen maiores efectos cando engaden “estratexias cognitivas como as de captación da atención, que implican a execución de tarefas coa atención focalizada para adecuar as respostas aos estímulos presentados”, como serían neste caso os propostos a través dunha contorna virtual.

