En primavera, toca emprender e innovar. Así o vén de facer saber o Concello de Vilagarcía, co gallo da organización da primeira entrega da súa Feira de Emprego e Emprendemento, que se celebra os días 23, 25 e 25 de abril no pavillón FEXDEGA e acompañándose, a xeito de sinal identificativo, da marca Bule-Bule-Lab. Ao abeiro desta, crearase un espazo para o encontro entre as persoas que demandan un posto de traballo ou que se atopan en proceso de mellora de emprego e as empresas privadas, entidades u organismos que ofertan ou que desenvolven iniciativas ou programas de emprego. Segundo fixo saber o Concello, é a primeira vez que Vilagarcía acolle un evento deste tipo. Ao seu abeiro, poranse en xogo múltiples recursos para permitir a máxima comunicación entre contratantes e contratadores.
A feira contará con apartados de asesoramento, formación, financiamento, emprego e emprendemento cuxos contidos e programas se poderán consultar a través da web que se porá en marcha en vindeiras datas. A través deste medio, os interesados poderán informarse de todo o que aconteza e do que se poden atopar no Bule-Bule-Lab, e tamén se poderán inscribir tanto nas actividades para particulares, como para participar como expositores.
Ademais de permitir esa interacción entre demandantes e ofertantes de emprego, a feira ofrecerá actividades específicas para cada un deles. Así, a primeira xornada está especialmente dedicada á formación das persoas que buscan traballo, con obradoiros sobre currículos, xeitos de falar en público ou métodos para atopar financiamento. O segundo día estará máis orientado á esa posta en contacto e intercambio de información entre os demandantes e os ofertantes de emprego. A terceira xornada da feira dedicarase á realización de procesos selectivos que poidan ter en marcha empresas ou organismos, mediante a realización de entrevistas de traballo.

