Quen queira aventurarse no sempre apaixonante camiño do emprendemento e a innovación, vai ter en Santiago unha boa oportunidade para adquirir os mellores mapas posibles, será no transcurso do Foro Empresarial 2020 de AJE Galicia, que se presentou este martes 10 de marzo no Pazo de Raxoi de Santiago nun acto que contou coa presenza do alcalde Xosé Sánchez Bugallo. o presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo, e a vicepresidenta da entidade na Coruña, Beatriz Cibreiro. O Foro celebrarase este xoves 12 de marzo, a partir das 9:30 horas, no Edificio CINC da Cidade da Cultura.
Na presentación, o rexedor salientou a importancia do foro, xa que “o futuro da economía pasa polo emprendemento” e chamou a atención “sobre a transcendencia dos cambios tecnolóxicos e mesmo dos novos modelos de traballo”, uns modelos que están máis ca nunca en primeira liña dos medios de comunicación, ao ser os que mellor permiten a boa marcha das empresas en intres críticos como este que estamos a vivir, co andazo de coronavirus espallándose por medio mundo.
Segundo fixeron saber, o obxectivo é “servir como escenario de mesas de debate sobre financiamento Industria 4.0 e punto de encontro para facer contactos con outros/as emprendedores/as”. É un evento dirixido a emprendedores/as, directivos/as, profesionais, institucións e universitarios/as con inquietudes por desenvolver o seu propio negocio.
Programa
As acreditacións comezarán ás 09:30 h. Media hora despois será a apertura oficial, coa presenza do alcalde, Xosé Sánchez Bugallo; do presidente de AJE Galicia, Luciano Covelo; e da directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez. Tras ela haberá unha mesa de debate sobre financiamento, un dos aspectos que máis preocupan aos/ás emprendedores/as, coa participación das sociedades de inversión Xesgalicia e Alma Mundi, ademais de Abanca e Segofinance, e a propia Oficina de Financiación de CEAJE. Despois darase paso a un relatorio de Emilio Duró, a conferencia Non vale renderse.
Antes do xantar, intervirá o conselleiro de Economía, Francisco Conde. Logo virá Yaiza Canosa, outra das protagonistas da xornada, a día de hoxe directora executiva de GOI, especializada no sector loxístico, coa que foi quen de revolucionar un sector especialmente masculinizado grazas ao uso das tecnoloxías.
A xornada pecharase cunha mesa de debate sobre a Industria 4.0, moderada pola propia Yaiza Canosa, en torno á necesaria dixitalización das empresas e os retos tecnolóxicos. Para iso estarán as compañías tecnolóxicas galegas Tecalis, Forensics & Security, Livetopic e SIVSA.
Como colaboradores deste Foro empresarial 2020, ademais do Concello, tamén participan a Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta, o IGAPE e Abanca. Ata mañá mércores está aberto o prazo de inscrición en www.ajegalicia.com/foro2020.
A dixitalización será un dos grandes temas do Foro Empresarial 2020 de AJE Galicia
Compartir Este Artigo

