Co fin de seguir avanzando na sensibilización da sociedade malia as medidas restritivas derivadas do COVID-19, a Universidade de Vigo, a través da Unidade de Igualdade e a Vicerreitoría de Ordenación Académica e Profesorado, vén de lanzar un itinerario formativo virtual en xénero. A idea é achegar unha xanela online para “satisfacer as necesidades de formación nesta temática da comunidade universitaria”.
O itinerario está composto por nove formacións e na elaboración de todo o material didáctico destes cursos participou profesorado experto da Universidade de Vigo e para algunhas temáticas convidáronse a expertas doutras universidades.
As persoas interesadas en inscribirse teñen xa aberto o prazo de preinscrición (ata o vindeiro 29 de marzo), e a actividade docente en liña arrancará este mesmo luns día 23. O curso introdutorio, de 40 horas, prolongarase ao longo de dous meses e os específicos, de 15 horas, durante un mes. Atendendo ás especiais necesidades destes días, os cursos desenvolveranse totalmente en liña, incluídas as probas de avaliación.
Desde a Unidade de Igualdade lembran que este itinerario virtual nace “co fin de incrementar a calidade na docencia universitaria, a través da incorporación da formación teórica en xénero e da inclusión do enfoque de xénero”.
Igualdade da UVigo lanza un itinerario formativo virtual en xénero
Compartir Este Artigo

