Segue a chuvia de contidos dixitais do Consello da Cultura Galega, moi de agradecer para quen queira afondar no coñecemento da nosa historia nestes tempos de confinamento forzoso. A máis recente contribución do CCG é o especial web Os profetas do Pórtico e a cultura galega. Unha viaxe que non cesa, que contén unha extensa documentación histórica sobre a historia de cinco esculturas mateanas que forman parte do Pórtico da Gloria.
En palabras do CCG, “estas figuras que o Mestre Mateo deseñou para as entradas exteriores do Pórtico son un espello da nosa evolución política, histórica e cultural, e mais un reflexo do esforzo de figuras fundamentais para a cultura galega na concepción de país e na defensa do noso patrimonio, como Fermín Bouza Brey, Manuel Chamoso Lamas, Xosé Filgueira Valverde ou Xesús Carro”.
Trátase, máis polo miúdo, das efixies dos profetas Enoc, Elías, Ezequiel (ou Isaac) e Xeremías (ou Abraham), e a figura de Santiago cabaleiro.
O especial online ofrece documentación inédita de moi diferente formato: expedientes administrativos, cartas persoais, fotografías ou manuscritos que repousaban en diferentes arquivos (Arquivo de Galicia, arquivo do Museo Arqueolóxico Nacional, Arquivo Xeral da Administración, Arquivo da Universidade de Harvard…).
O CCG pon na Rede material inédito sobre as esculturas do Pórtico da Gloria
Compartir Este Artigo

