As nosas deputacións están estes días argallando propostas para contribuír a dous asuntos clave: por unha banda a oferta de lecer dixital da que poden botar man as familias para facer máis levadías as estadías nos seus fogares (derivadas do Estado de Alarma polo COVID-19) e, pola outra, a dispoñibilidade de material de protección. Sobre este último punto é cara a onde apunta a iniciativa COVID Makers SmartPEME, posta en marcha pola Deputación de Pontevedra para apoiar ás persoas emprendedoras que están a fabricar elementos de seguridade sanitaria. Trátase de pechar fileiras coa comunidade argalleira (maker) da nosa terra, envorcada en solucións de emerxencia (dende a impresión 3D, a robótica, etc) para combater a pandemia.
A iniciativa consiste nunha plataforma de apoio dende a que difundir os diferentes proxectos en marcha e fornecer de asesoramento para a realización de material sanitario e preventivo. Por exemplo, apoiando o desenvolvemento de respiradores, máscaras protectoras e todo o material necesario que se poida realizar mediante a impresión 3D, que son, precisamente, os eidos de traballo que están a centrar os esforzos da plataforma Coronavirus Makers, que xa conta con 10.000 participantes a nivel nacional e máis de 1.300 galegas.
Con esta plataforma telemática, informa a Deputación, SmartPEME xa está difundir no seu boletín, á que están subscritas máis de 5.000 persoas, ligazóns a diferentes iniciativas, coma empresas privadas que proporcionan material, modelos e recollida das pezas fabricadas, plataformas de código aberto con modelos para imprimir e comunidades maker galegas con iniciativas en marcha.
Amais, SmartPEME publica nas súas redes sociais o material creado polas empresas do servizo para xerar sinerxías, a doazón de material, o subministro do material fabricado e noticias relacionadas.
CPED
Ademais do devandito, a Deputación lembrou que o asesor do Centro Provincial de Economía Dixital (CPED), situado no Viveiro de Empresas do polígono de Barro, está á disposición de todas e todos os argalleiros da provincia para calquera consulta relacionada coa fabricación de equipos sanitarios de protección. Quen o desexe pode poñerse en contacto a través do correo electrónico barromeis.smartpeme@depo.es, o teléfono 886 202 020 ou ferramentas de videochamada.

