O Consello da Cultura Galega está a presentar na Rede a súa tradución da obra de Concepción Arenal A muller do porvir, unha obra escrita en 1869 e que ofreceu na súa época, en palabras do CCG, “unha lectura inusual sobre as mulleres e máis aínda sobre as mulleres presas”. O lanzamento online da devandita obra, unha moi destacada opción de lectura para estes días de confinamento, coincide co centenario do nacemento desta revolucionaria muller galega. Inclúe un prólogo de María Dolores Ramos e materiais que contextualizan a autora na súa época (e na nosa).
Por mor da cancelación da actividade presencial para conter a pandemia do coronavirus, o Consello da Cultura Galega adaptou para a Rede o formato de presentación desta publicación. Faino acompañando o lanzamento cun audiovisual no que a presidenta da institución, Rosario Álvarez, xunto con María Xosé Porteiro, Inma López Silva, Mabel Rivera, Isabel Naveira e Celia Pereira prestan as súas voces nunha lectura colectiva deste texto para difundir o pensamento da que foi, nas súas palabras, “unha muller irrepetible”.
A muller do porvir é unha obra coñecida de Concepción Arenal reeditada en numerosas ocasións. O CCCG pona en galego (en tradución de María Alonso Seisdedos) nun volume que inclúe a crónica das Conferencias dominicales celebradas na Universidade de Madrid para a educación da muller e unha escolma das Cartas aos delincuentes, destinadas a instruír acerca das nocións máis básicas que fundamentan o dereito, en especial o dereito penal.
O CCG adapta ao formato online a obra de Concepción Arenal A muller do porvir
Compartir Este Artigo

