Os concellos galegos, por ser as administracións máis próximas á cidadanía, están a facer un importante labor tecnolóxico coa cidadanía, achegando aos veciños información cumprida sobre as frontes abertas contra o COVID-19 a nivel local e fornecéndoos de recursos de axuda, asesoramento e lecer fronte a crise sanitaria. Entre os concellos que máis está a traballar neste punto atópase sen dúbida o de Ponteareas, onde estes días puxéronse en marcha múltiples liñas de actividade a través das redes.
Por exemplo unha canle para aprender a calcetar a través de YouTube, recursos para que a cidadanía desfrute da literatura a través dos audiolibros, un certame de fotografía para que a xente faga un gran mural colectivo do concello dende as xanelas da súa casa ou un importante menú de contos en galego e xogos para desenvolver durante o confinamento, entre outras moitas iniciativas online.
Mocidade e maiores unidos por un mesmo fío
Entre as propostas virtuais anti-COVID máis recentes atópase o lanzamento da canle de YouTube Voluntariado Ponteareas (e a través da conta de Instagram @voluntariadomedioambiental) para participar nun obradoiro de calceta para veciñas e veciños de todas idades impartindo pola youtubeira voluntaria Azucena de la Fuente Mateo.
O obxectivo desta iniciativa da Oficina de Voluntariado do Concello de Ponteareas é que a mocidade, os adultos e os maiores se unan a través das redes, nestes tempos de confinamento e alarma sanitaria, para aprender todos e todas a confeccionar prendas e creacións cos novelos de las do comercio local Calceta. Na Rede xa podemos ver o primeiro vídeo da iniciativa, unha benvida a toda a comunidade de participantes.
Cada dous días haberá novas sesións nas que a cidadanía pode ir aprendendo diferentes puntos e técnicas de calceta. Ademais, a mocidade participante tamén irá amosando os seus progresos e os máis maiores achegarán contidos agasallándonos os seus coñecementos de calceta. Por outra banda, os titoriais serán difundidos por WhatsApp para compartir ao máximo a experiencia.
Para participar só hai que chamar ao teléfono 687 764 516.
Primeiro vídeo da iniciativa

