O confinamento forzoso deixou un panorama educativamente incerto para as familias, que, por unha banda víronse obrigadas a manter activa a actividade docente a través das ferramentas virtuais pero que, pola outra, non tiveron tempo nin planificación previa de abondo para preparar este novo escenario. Ademais, moitas delas tampouco teñen recursos económicos para afrontar o cambio. Para mitigar este problema (este agravamento da fenda dixital) as administracións están a pór en marcha un amplo abano de iniciativas: dende bancos de computadores ata medidas de solidariedade das operadoras de telecomunicación. O Concello da Coruña puxo en marcha a campaña Ninguén atrás para que, como se indica no seu nome, todas as familias teñan a posibilidade de facer pleno uso da tecnoloxía para garantir a docencia.
A iniciativa, impulsada polas Concellerías de Benestar Social e de Educación en colaboración do voluntariado que está a prestar axuda en diversas actuacións durante esta crise sanitaria, diríxese a subministrar aos domicilios en risco de materia didáctico (impresións de exercicios, manuais, libros, etc) entre as pequenas e pequenos que non dispoñen de Internet e que ata o de agora non puideron facer as súas tarefas, ou as realizaron con dificultades, durante o confinamento.
O programa, dirixido a “todas e todos aqueles estudantes de calquera dos ciclos escolares que carecen de recursos dixitais para accederen aos seus materiais formativos”, colle corpo a través dun labor de coordinación entre as ditas concellerías e os cadros directivos dos colexios.
O eixe básico da iniciativa é o teléfono 981 184 294, que está a disposición das familias para que trasladen as súas demandas en materia educativa, ao que poderá chamar a veciñanza este martes 14 de abril.
A alcaldesa, Inés Rey, asegurou que o Goberno local “non vai deixar a ninguén atrás ante esta situación e poñerei todos os medios ao meu alcance para dotar de recursos escolares a todo o alumnado que o necesite e mesmo material informático para a rapazada máis desfavorecida”.
Para dotalos deste tipo de material dixital, o Concello deberá contar cun informe pertinente do departamento de Servizos Sociais que acredite a situación de vulnerabilidade das persoas demandantes.
A Coruña activou unha iniciativa para garantir a docencia online das familias en risco: Ninguén atrás
Compartir Este Artigo

