O Concello de Santiago segue a envorcar esforzos nas redes para mitigar os efectos do confinamento das familias. Ás actividades formativas postas en marcha os pasados días (uns cen cursos para aumentar a empregabilidade da xente nova, principalmente), únese agora a apertura á cidadanía das audioguías locais para percorrer virtualmente as rúas e prazas da cidade sen saír da nosa casa. Poden consultarse na web de Santiago Turismo. As audioguías suman máis de catro horas de narración arredor dos principais puntos turísticos da capital galega, que ademais figuran sinalados nun mapa.
As audioguías artéllanse en 24 partes que poden escoitarse en calquera orde e que, porén, están numeradas para seguir unha posible ruta que comeza na praza do Obradoiro e que percorre os principais atractivos turísticos da cidade: a Catedral, as prazas que a rodean, as rúas e prazas do Casco Histórico, o Mercado de Abastos, o CGAC, o Museo do Pobo Galego, o Parque de Bonaval, a Casa da Troia, San Martín Pinario, e remata no Parque da Alameda.
As audioguías están dispoñibles en sete idiomas: galego, castelán, inglés, alemán, italiano, francés e portugués. A aplicación actívase de maneira automática no mesmo idioma que o dispositivo da persoa usuaria. Estes recursos actualizáronse en contidos e formato de reprodución no 2019.
Santiago abre as súas audioguías para permitirnos percorrer a cidade dende a nosa casa
Compartir Este Artigo

