Co fin de achegarnos un punto divulgación nos nosos fogares e facelo cun extra de actualidade científica, o Museo de Historia Natural da USC permite o acceso en liña á mostra Epidemias nun mundo conectado, unha exposición que explica como os factores humanos, animais e ambientais contribúen á expansión dos andazos mundiais na nova orde mundial gobalizada. Esta iniciativa divulgativa, pola que pode realizarse un percorrido virtual, foi posta en marcha o 12 de decembro de 2019, case simultaneamente coa detección do primeiro caso da COVID-19 en China.
A mostra foi realizada co gallo do centenario da gripe española e responde á crecente preocupación dos científicos e organizacións sanitarias mundiais polo “enorme perigo potencial de novos brotes epidémicos”.
O Museo quere facilitar agora aos cidadáns o acceso virtual aos contidos desta exposición para que poidan ser visitados a través da súa web e das súas redes. Os contidos intentan achegar a cidadanía á importancia da investigación en microbioloxía a través dunha linguaxe moi sinxela.
A exposición estivo organizada orixinariamente polo Smithsonian National Museum of Natural History de Washington, en colaboración con diversas entidades internacionais. Contou asemade coa financiación da American Society for Microbiology, a través do seu programa de Embaixadores Internacionais, e a colaboración do Concello de Santiago de Compostela e a propia USC.
O Museo de Historia Natural da USC pon na rede a súa mostra sobre as novas epidemias
Compartir Este Artigo

