A sesión deste luns 20 de abril da Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19 do Concello de Ribeira serviu para presentar unha innovadora iniciativa (no contido e tamén na forma) de capacitación para incrementar a empregabilidade e a formación da veciñanza nestes tempos de crise sanitaria e confinamento. Trátase do programa online Casa-Talentos, impulsado polo Goberno ribeirense para botar unha man, con coñecemento e recursos avanzados, na vindeira reactivación económica post-COVID. Daráselles prioridade ás veciñas e veciños en desemprego ou que estean afectados directamente polo Estado de Alarma, como por exemplo autónomos ou profesionais que foran obxecto dun ERTE.
O programa Casa-Talentos estará formado por un total de 83 cursos posibles distribuídos en 20 temáticas: idiomas, programación e redes informáticas, sistemas e bases de datos, deseño gráfico e 3D, saúde e nutrición, sanidade, industria alimentaria, enerxía, medio ambiente, administración de empresas, ofimática Microsoft Office, loxística, xestión comercial e marketing, industria química, actividades deportivas, prevención e igualdade, turismo, limpeza e xestión de residuos.
Poderán acceder a este programa gratuíto ata mil cidadáns.
Dende o Concello xa se está traballando para acabar de perfilar esta iniciativa (este luns 20 de abril deus conta da mesma na Comisión Municipal de Seguimento da Evolución do COVID-19) e anunciar e iniciar o pertinente prazo de inscrición.
Ribeira achegará un programa de formación online gratuíta cunha manchea de cursos TIC
Compartir Este Artigo

