Proseguen as iniciativas das nosas administracións para plantar cara a un dos principais problemas indirectos da pandemia de COVID-19, coas restricións ao presencial que pon en xogo e o conseguinte peche dos colexios. Estamos a falar do agravamento da fenda dixital que supón obrigar ás familias a proseguir pola vía tecnolóxica os cursos escolares, deixando fóra de xogo a quen non ten o coñecemento, os recursos, os cartos, a conectividade nin o tempo posible de estar plenamente nas redes. Na liña de combater esta fenda, o Concello de Allariz puxo en marcha unha iniciativa para xuntar computadores que carrexar aos domicilios en risco. O Goberno alaricán confirmou este martes 21 que os equipos xa están operativos nas casas dos destinatarios.
A iniciativa levouse a cabo polo Concello en colaboración co IES de Allariz, encargándose as voluntarias e voluntarios de Protección Civil do reparto dos equipos.
O dito centro docente levou a cabo o labor de análise e seguimento: estudou as necesidades do alumnado e das familias, “por mor da brecha dixital” e traballou para cubrir as necesidades e poder continuar as clases a distancia.
O Concello de Allariz, fixo unha compra de dispositivos para cederllos ao centro durante esta tempada, mentres as clases se manteñan a distancia. A empresa Primux, con sede na Tecnópole de San Cibrao das Viñas (Ourense), púxose en contacto co Concello para facer unha doazón de 20 dispositivos e así pór un importante gran de area no camiño de paliar a situación que se presentaba.
O Concello tamén destacou a relevante colaboración de varias persoas particulares, que se puxeron en contacto co Consistorio para achegar os dispositivos que tiñan nas súas casas e non utilizaban. A este equipo solidario sumouse un profesional informático local, que realizou a posta a punto dos dispositivos para adaptalos para o uso, desenvolvendo o seu labor “de forma altruísta”.
A maiores recibíronse máis ofertas de doazóns, totalmente desinteresadas para facer este traballo por parte de outros profesionais do sector.
Dende o Concello de Allariz agradeceron os esforzos solidarios de todas as persoas que están a contribuír na loita contra a fenda dixital derivada da necesidade de impulsar integralmente a teleformación.
O Concello e o IES de Allariz loitan contra a fenda dixital equipando fogares con computadores
Compartir Este Artigo

