
O grupo está a realizar unha investigación na que avalía polo miúdo o tecnoestrés motivado polo teletraballo nos diferentes colectivos da comunidade universitaria, profesorado, alumnado e persoal de administración e servizos.
No proxecto traballan María Luisa Rodicio (coordinadora), María Josefa Iglesias, María Paula Ríos, María José Mosquera e Laura Rego. O traballo desenvólvese de forma conxunta coa Universidade online Isabel I, de Burgos, para contrastar os resultados obtidos.
Segundo informan as investigadoras, do que se trata é de saber como a UDC está a vivir este Estado de Alarma no que respecta aos problemas derivados da adopción masiva e urxente das TIC para o traballo cotián. Con esta análise coñecerase como está a ser vivida a inmersión nas ferramentas informáticas da comunidade da UDC.
Unha das liñas de investigación deste grupo está relacionada coa xestión das emocións para levar unha vida saudable. Segundo indican, “o ensino estase a dixitalizar a unha gran velocidade e as TIC aportan beneficios ao traballo pero tamén poden provocar malestar físico e psicolóxico que afecta ao desempeño académico, laboral, profesional, etc”. Por exemplo, explica María Paula Ríos, “estas novas ferramentas impulsan a traballar máis rápido (sobrecarga tecnolóxica), invaden a vida persoal (tecno-invasión), prodúcense cambios frecuentes (actualizacións de software e tamén de hardware), vólvennos persoas pouco competentes (tecno-complexidade), etc.”
Segundo lembran, se ben a investigación que levan a cabo estaba xa iniciada antes do Estado de Alarma provocado pola COVID-19, a nova situación de confinamento xerada pola pandemia tivo un papel decisivo para un máis exhaustivo e pormenorizado estudo dos casos. “O espallamento das das TIC na UDC, como noutras universidades do Estado, está a agravar a situación de estrés que provoca a tecnoloxía”, opina a profesora e investigadora Ríos.
O tecnoestrés derivado do teletraballo centra unha investigación pormenorizada da UDC
Compartir Este Artigo

