O Clúster TIC de Galicia subministrou durante os últimos días 10.000 unidades de máscaras cirúrxicas de protección contra a COVID-19 entre as empresas socias, dentro das accións postas en marcha pola Xunta de Galicia, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e do Servizo Galego de Saúde (SERGAS), para, nas súas palabras, “facilitar o material sanitario necesario na loita contra o virus”.
Un total de 35 empresas socias (21 na Coruña, 12 en Pontevedra, 1 en Lugo e outra en Ourense), das 104 que forman parte do organismo solicitaron a entrega deste material de protección para garantir a seguridade e defensa da saúde dun global de 1.855 traballadoras e traballadores.
Con esta iniciativa, a plataforma empresarial busca “dotar do equipamento fundamental ás empresas do sector tecnolóxico, que se converteu nun dos máis activos e esenciais durante a pandemia, tanto á hora de ofrecer soporte ás infraestruturas e servizos de comunicación, fundamentais para garantir condicións estables e seguras de teletraballo na administración e o sector privado, como para achegar solucións innovadoras que contribúan a saír da actual crise sanitaria”.
A previsión é que este fornecemento de equipos poida ter unha continuidade nas vindeiras semanas para manter no tempo a protección dos profesionais que permaneceron ou se reincorporaron aos seus postos de traballo, engade o Clúster TIC.
O Clúster TIC de Galicia reparte 10.000 máscaras contra a COVID-19
Compartir Este Artigo

