SmartPEME, o programa de capacitación tecnolóxica para PEME, autónomos e profesionais, está en activo durante a pandemia ampliando o seu horizonte de traballo e tirando abaixo limitacións físicas. O programa, impulsado pola Deputación de Pontevedra, puxo estes días o foco en achegar o seu potencial e experiencia (achegando formación TIC avanzada en diferentes emprazamentos da provincia) para axudar ao sector produtivo durante a desescalada e a volta á normalidade. Desta vontade xurdiu un novo programa de aceleración de empresas de comercio minorista, unha iniciativa que estaba planeada para este ano e que se acelera agora para paliar “a complicada situación que atravesa o sector, obrigado a pechar de xeito temporal na súa maioría”.
Esta nova aceleradora da Deputación está dirixida ás persoas cuxos proxectos empresariais estean ligados a este sector, atópense en fase temperá de desenvolvemento ou cun alto potencial de desenvolvemento. “Son negocios que, afectados pola COVID-19, desexan reorientar ou poñer en marcha a súa actividade a través de Internet”, informou a Deputación de Pontevedra.
O prazo para a presentación de solicitudes comezou este 27 de abril e remata o venres 8 de maio, ás 15:00 horas. A súa tramitación deberá ser realizada a través do formulario situado na páxina web de SmartPEME. As candidaturas valoraranse segundo o seu grao de innovación, unha memoria do proxecto e o perfil das persoas participantes. Atendendo a estes criterios seleccionaranse un máximo de dez proxectos para participar no programa.
Un sector clave
O comercio ao por menor representa ao redor dun 13 % das empresas rexistradas na provincia de Pontevedra, segundo datos do Instituto Galego de Estatística, e é o sector no que se aglutinan máis empresas da provincia. Tamén é o que ten maior representación nas actividades do proxecto SmartPEME, que de entre as súas 2.700 empresas rexistradas conta con 580 pertencentes ao comercio polo miúdo.
As actividades do programa de aceleración, que se levarán a cabo entre o 25 de maio e o 30 de setembro, inclúen sesións de titoría e actividades de capacitación. Nas titorías establecerase unha folla de ruta para cada persoa participante e realizaranse sesións de traballo con persoas expertas en tecnoloxía, imaxe dixital e competitividade para empresas. No que respecta ás actividades de capacitación propóñense distintos obradoiros e guiarase os participantes no uso de tendas en liña, pasarelas de pagamento e venda de produtos a través de redes sociais. Estas actividades impartiranse presencial ou telematicamente “dependendo de como evolucione a situación actual de crise sanitaria”, engadiu a Deputación de Pontevedra.
SmartPEME porá os seus recursos a disposición do comercio polo miúdo
Compartir Este Artigo

