
O evento é un punto de encontro entre os colexiados e colexiadas do CPEIG e un gran número de empresas e profesionais TIC de Galicia, que conta cunha destacada participación de cargos empresariais, institucionais e políticos e é un referente para o sector.
Segundo sinala o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, a Noite “é xa unha gala consolidada onde o Colexio pretende mostrar á sociedade o traballo realizado por enxeñeiros en Informática dentro da Sociedade da Información e as iniciativas relacionadas co ámbito das TIC”, engadindo que o seu obxectivo é “dar visibilidade a unha profesión que ten un crecente impacto na vida das persoas, na creación de riqueza, e no desenvolvemento económico do país”.
Ademais, no marco desta gala entregaranse os Premios da Noite, con dez categorías nas que os colexiados e colexiadas recoñecen as iniciativas ou persoas destacadas no ámbito da Enxeñaría en Informática.
Anterior edición
Na edición de 2019, creouse a categoría de Premio Innovación Tecnolóxica no Ensino, distinción que recibiu o CEIP Ponte dos Brozos de Arteixo, un dos sete centros seleccionados pola UNESCO para aparecer nunha publicación sobre as mellores prácticas de aprendizaxe móbil.
O resto de galardóns foron o Premio e-Inclusión para Camino de los Satélites, unha iniciativa da Fundación Tecnología Social (FUNTESO) destinada a mostrar como as tecnoloxías socialmente responsable poden facer accesible o Camiño de Santiago a todo o mundo; o Premio Iniciativa Emprendedora para o Club Financeiro Atlántico de Coruña polo seu soporte organizativo na Mobile Week Coruña; o Premio Iniciativa Empresarial para dúas entidades, Hijos de Rivera e a asociación Alastria; o Premio Iniciativa da Administración para programa de Talleres e Axudas á Dixitalización, promovido polo IGAPE; o Premio Ada Byron para Mónica Fernández Bugallo, profesora de comunicación dixital e procesamento do sinal do Departamento de Enxeñaría Eléctrica e Informática da Universidade de Stony Brook en New York; o Premio Traxectoria Profesional para Carlos Vázquez Mariño, director da Área de Solucións Tecnolóxicas Sectoriais da AMTEGA; e o Premio Colexiado de Honra para o director xeral da Fundación Mobile World Capital Barcelona, Carlos Grau Lara.
Ademais, entregáronse o Premio Especial CPEIG pola constancia no apoio da Noite, para Altia e Everis; e o Premio Proxecto Fin de Carreira/Mestrado para o enxeñeiro en informática Óscar Blanco Novoa.

