Os tempos que estamos a vivir condicionan non só o contido das mensaxes, senón tamén a forma. Así, que ninguén se estrañe se as iniciativas de información e divulgación que se lanzan estes días teñen, máis ca nunca, unha vontade virtual e tecnolóxica reforzada, acaída para salvar os atrancos da crise, das restricións ao presencial e dos confinamentos. Isto é o que vén de facer a Consellería de Mar, que lle deu unha viraxe aínda máis dixital á súa campaña Vai de Peixe, destinada a lembrarnos a importancia de consumir produtos do mar e manter, grazas a eles, unha alimentación saudable. En termos máis concretos, en maio e en xuño a campaña será apoiada nas redes por catro influencers, entre os que se conta con Ana Peleteiro (Ribeira) e Eva Iglesias (Rianxo). Haberá charlas, concursos, retos e sorteos “adaptados á situación en vigor”.

Estas novas accións que se realizarán ao longo deste mes e en xuño, difundiranse sobre todo no perfil de Instagram desta iniciativa e na súa páxina web e nelas animarase á participación das persoas cunha idade comprendida entre os 18 e os 35 anos. “Farase fincapé de xeito ameno en aspectos como a importancia de manter unha alimentación saudable e o consumo habitual de peixes e mariscos nesta época”, informou a Consellería, engadindo que algunha destas accións estarán protagonizadas pola atleta olímpica ribeirense Ana Peleteiro, a presentadora rianxeira Eva Iglesias e os youtubers Percebes y Grelos e Coque Macho. Iranse difundindo progresivamente a través da web, o perfil de Instagram, o Facebook e a canle de Youtube de Vai de peixe.
Así, entre as actividades contempladas para estes dous meses están sesións en directo de preguntas e respostas no Instagram con Ana Peleteiro, sobre os seus hábitos de alimentación, na que teñen moita presenza os produtos da pesca e da acuicultura, e sobre como adestra desde a casa con consellos para unha boa práctica deportiva nesta época.
Tamén se realizarán algúns directos de Instagram nos que participarán algúns influencers de Vai de peixe, que charlarán entre eles e nos que estarán presentes dalgún xeito os produtos do mar. Un deles contará coa colaboración da cantante e compositora galega Sabela Ramil. A maiores de todo isto, está programada a organización de concursos, entre eles un vencellado co Día das Letras Galegas, e outros con fotografía nos que o fío condutor será o eido do mar e os produtos da pesca e da acuicultura e algún reto relacionado coa música e o ámbito marítimo-pesqueiro.
A campaña Vai de Peixe fortalecerá a súa pegada nas redes sociais
Compartir Este Artigo

