En tempos de COVID-19, a innovación ábrese camiño e faino, sobre todo, en formatos virtuais que posibiliten a continuidade de iniciativas e proxectos á espera de que a situación se normalice. Un exemplo disto é o programa de Lanzadeiras Conecta Emprego de Galicia, que, segundo puidemos saber esta semana, comezarán a funcionar en formato dixital por mor da pandemia e o Decreto de Alarma, o que implica que as súas actividades de formación e asesoramento desenvolveranse online co fin de ofrecer a máxima seguridade aos participantes.
O programa terá tres iniciativas concretas na nosa terra: a de Coruña, a de Arteixo e a de Santiago. Comezarán a actividade a finais de mes coa idea de volver á metodoloxía presencial ao longo do verán, cando “as autoridades o permitan”.
Esta iniciativa está impulsada por Fundación Santa María La Real e Fundación Telefónica, que contan coa colaboración da Consellería de Emprego da Xunta de Galicia e o co-financiamento do Fondo Social Europeo, dentro do programa operativo POISES. As lanzadeiras terán presenza en dúas ducias de cidades de todo o ámbito estatal.
Estes acubillos de formación e asesoramento comezarán a última semana de maio con 60 participantes, 20 por cidade, que se reunirán de forma virtual a través de diferentes aplicacións informáticas para reactivar a súa procura de traballo con novas técnicas e ferramentas, acordes ao novo mercado laboral. O programa funcionará ata mediados de setembro; e a idea, como dixemos, é que poida retomar o seu carácter presencial ao longo do verán.
“En marzo adaptamos os contidos de alfabetización dixital para que a actividade puidese continuar de forma telemática e agora volvemos facer outro esforzo para dixitalizar a metodoloxía de Lanzadeiras Conecta Emprego e poder seguir ofrecendo orientación laboral ás persoas en desemprego, especialmente neste novo contexto que nos deixa o coronavirus”, explica Natalia Serrano, directora de Emprego da Fundación Santa María La Real.
Cada iniciativa terá 20 participantes, que se reunirán de forma virtual para reactivar a súa procura de traballo. Contarán co acompañamento e a orientación dun técnico especializado da dita fundación, que lles guiará para mellorar a súa empregabilidade e perseguir a súa inserción. Realizarán dinámicas de intelixencia emocional para aprender a desenvolver un plan de prospección laboral; actualización de currículos e simulacións de entrevistas de traballo; mapas de inserción e contactos con empresas.
O prazo de inscrición para participar neste programa de orientación laboral, totalmente gratuíto, continúa aberto en Arteixo e en Santiago de Compostela. As persoas interesadas poden realizar a súa inscrición na páxina web das lanzadeiras.
Poden participar homes e mulleres en situación de desemprego, con idades comprendidas entre os 18 e os 60 anos, con calquera nivel de formación e procedentes de calquera sector laboral, teñan ou non experiencia previa.
As tres lanzadeiras galegas de Conecta Emprego comezará a funcionar en formato dixital
Compartir Este Artigo

