A Aula Galicia Aberta, a iniciativa posta en marcha o pasado 27 de abril pola Secretaría Xeral da Emigración para crear unha gran academia exterior sobre cultura tradicional de noso, leva acumuladas 144.723 visualizacións desde o seu inicio. En dúas semanas de actividade, tanto as oito sesións formativas que impartiron os mestres de canto e pandeireta (Leni Pérez), percusión (Alexandre Martínez Castro), gaita (Jhonathan Ferreira) e baile (José Antonio Viñas), como as titorías e vídeos promocionais destes docentes foron vistos por milleiros de galegos residentes en todo o mundo.
Ás reproducións dos audiovisuais hai que engadirlle, ademais, ás visitas ao apartado da Aula Galicia Aberta creado na páxina web do departamento autonómico, que ten rexistrado máis de 30.000 visitas desde a sua creación.
A Arxentina, O Uruguai, Brasil, México, Suíza, Alemaña, Venezuela, Portugal, os Estados Unidos de América, Chile e o Reino Unido son os países de residencia da meirande parte dos espectadores destes primeiros seminarios, unicamente superados por España, onde destaca a resposta que están a ter entre os galegos de Madrid, Cataluña, Euskadi, Castela e León e a Comunidade Valenciana, ademais de na propia Comunidade galega.
Facebook, a plataforma preferida
Facebook segue a ser a plataforma preferida polos espectadores para asistir a estas clases, que se imparten de luns a xoves en horario de 20 a 22 horas a través de Facebook Live, con máis de 132.000 reproducións, seguido do canle de GaliciaAberta en YouTube, onde tamén se penduran as sesións unha vez rematadas para poñelas a disposición de todas as persoas interesadas na páxina web da Secretaría Xeral da Emigración. Tamén o material didáctico aportado previamente polos docentes destes seminarios, que constan de dez sesións formativas, pode consultarse nesta dirección.

