As Bibliotecas Públicas de Galicia xestionadas pola Xunta estanse a sumar á conmemoración colectiva (case toda ela online) do legado e a obra de Ricardo Carvalho Calero, autor ao que este ano a Real Academia Galega (RAG) lle dedica o 17 de maio, Día das Letras Galegas. Segundo fai saber a rede de bibliotecas, o coronavirus motivou que os recursos deseñados pola Consellería de Cultura en colaboración coas numerosas empresas, entidades e institucións (que participan na Programación Conmemorativa das Letras Galegas 2020) fosen reformuladas para que se poidan acceder a elas de xeito virtual ao abeiro da campaña #aculturasegue. Neste contexto, as bibliotecas ofrecerán durante esta semana diversas actividades a través das súas redes sociais e páxinas web. Damos conta das actividades das bibliotecas pertencentes ás sete grandes cidades galegas.
A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña pon esta semana a disposición dos usuarios unha guía de lectura con recursos sobre o escritor ferrolán así como outra guía con datos curiosos sobre a súa vida e obra. Esta última será obxecto de concurso nas redes sociais, onde se formularán diversas preguntas.
Pola súa banda, a Biblioteca Pública de Lugo puxo en marcha Carvalho Calero Lucense, a exposición virtual na que, a través dunha liña do tempo, presenta a obra poética, teatral, prosa e ensaio que escribiu durante a súa estadía en Lugo.
Na fin de semana das Letras, a Biblioteca Pública de Ourense une esta celebración coa festa dos maios e compartirá nas súas redes unha creación floral dedicada a Carvalho Calero. Así mesmo, ofrece unha exposición dixital de obras do intelectual titulada Lembrando a Carvalho, e outra mostra virtual na que se lembra a autores que escriben en galego baixo o título As nosas letras, os nosos autores.
A Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra manterá unha intensa actividade nas súas redes a partir do 17 de maio a través da iniciativa Letras con moito ritmo a través da cal o público infantil e xuvenil están convidados a escribir e recitar poesía. Ademais, tamén na súa web, ofrecerá a mostra virtual Ricardo Carvalho Calero: compromiso coa lingua que repasa a súa vida e obra.
En Santiago, a Biblioteca Pública Ánxel Casal tamén homenaxeará ao escritor cunha exposición virtual dispoñible ao longo desta semana nas súas redes sociais que conta con infografías sobre o autor homenaxeado este ano e a través da cal, se porán tamén de manifesto os fondos da plataforma dixital GaliciaLe que se poden tomar emprestados.
A Biblioteca Pública de Vigo Juan Compañel súmase á celebración deste día tamén con dúas exposicións virtuais dispoñible a partir de mañá: Carvalho Calero, Pretérito (im)Perfecto: traxectoria e obra, e As Letras de grandes e pequenos, esta última pensada en clave infantil para que os nenos coñezan aos autores aos que se lle dedicaron as Letras Galegas desde o ano 1963 ata hoxe. Por último, a Juan Compañel animará as redes sociais durante o mes de maio coa iniciativa #FragmentosGalegos, mediante a cal os que desexen tomar parte deberán compartir con dita etiqueta fragmentos de obras de autores galegos.
Biblioteca de Galicia
A Biblioteca de Galicia tamén formará parte das celebracións dixitais do Día das Letras Galegas a través da incorporación no seu portal dun microsite no que se incluirán todos os artigos e poemas, entre outros, que publicou Ricardo Carvalho en diferentes cabeceiras da prensa galega e que se atopan dixitalizados.
As bibliotecas públicas galegas conmemorarán online o Día das Letras Galegas
Compartir Este Artigo

