O Centro Tecnolóxico Gradiant dar un paso de xigante para situarse á fronte da investigación española en materia de privacidade TIC. Estamos a falar do proxecto Égida, liderado polo centro con sede no Campus de Vigo e constituído como “a única rede estatal de excelencia en tecnoloxías de seguridade do programa Rede Cervera para centros tecnolóxicos”, programa impulsado polo Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e o Ministerio de Ciencia e Innovación.
Égida é unha das apostas do Estado para crear e dar forma a recursos cen por cen innovadores para crear contornas dixitais altamente confiables. Segundo explica Gradiant, é un caso singular na nosa historia TIC: é a única rede liderada por un centro tecnolóxico galego no ámbito da seguridade e a privacidade.
Está formada por 4 centros tecnolóxicos de excelencia: Gradiant (Galicia), Fidesol (Andalucía), Ikerlan e Vicomtech (ambos de País Vasco). Esta agrupación xorde do Programa Cervera para Centros Tecnolóxicos, a aposta nacional para desenvolver investigación orientada ao mercado. “A ciberseguridade foi desde sempre unha aposta estratéxica de Gradiant, que reforzamos nos últimos anos ao tratarse dunha das tecnoloxías esenciais para a transformación dixital xunto á conectividade e a Intelixencia Artificial”, explica Luis Pérez Freire, director xeral de Gradiant, engadindo que neste eido de traballo “a colaboración é fundamental”, unha colaboración que no caso concreto de Égida e segundo engade Juan González, director do proxecto, “permítenos ser plenamente conscientes do papel transformador que xoga a innovación tecnolóxica en seguridade e privacidade tanto para as persoas como para as empresas, por iso tomámonos esta oportunidade como un gran reto motivador para avanzar neste campo e situar a España no mapa internacional”.
Catro ámbitos de traballo
Égida abordará a investigación en tecnoloxías de seguridade e privacidade desde 4 ámbitos, pero sempre cun obxectivo común: a protección da información. Así, os centros que forman o consorcio centrarán en esforzos en tecnoloxías de cifrado aplicado (para a protección de información confidencial); en identidade dixital e privacidade (para a prevención da fraude a través da creación, verificación e uso de identidade dixital); en seguridade en sistemas distribuídos (para mellorar a seguridade en tecnoloxías disruptivas e a súa utilización con tecnoloxías IoT, 5G ou cadea de bloques); e en desenvolvemento de sistemas de información seguros (que permitan aumentar a confianza nos sistemas de información fronte a ataques cibernéticos).
Co fin de “situar a España nos retos internacionais da seguridade da información”, Égida aliñará os seus obxectivos coa estratexia europea e española de ciberseguridade para traballar na protección da información e privacidade dos usuarios. Desta forma, explican dende Gradiant, “os centros capacitarán a profesionais especializados e desenvolverán a tecnoloxía que permita incrementar a confianza nos actuais sistemas de información”.
Durante os 3 anos de duración da rede (2020-2022), 80 enxeñeiros e investigadores traballarán para aliñar estratexias e accións en investigación e desenvolvemento, captar e reter talento. Trátase, en palabras de Gradiant, “dunha aposta conxunta de 4 centros tecnolóxicos de excelencia para situarse á vangarda da ciberseguridade internacional”.
Gradiant lidera a rede que situará España nos retos internacionais da ciberseguridade
Compartir Este Artigo

