A operadora Vodafone vén de achegar un balance das súas actividades recentes na nosa terra en materia de solidariedade e apoio sanitario-tecnolóxico, nun contexto marcado pola crise sanitaria e económica e o incremento da fenda dixital. Segundo fixo saber, subministrou máis de 1.600 cartóns SIM en Galicia para asegurar a conectividade a familias en risco de exclusión e colectivos escolares vulnerables.
Esta contribución encádrase no acordo formalizado co Goberno autonómico para mitigar a posible discriminación tecnolóxica que o espallamento da teledocencia puidera desencadear nos fogares onde non hai equipamentos tecnolóxicos nin acceso ás redes, nin recursos para acadalo. Neste senso, a compañía puxo a disposición da Xunta de Galicia e os Concellos da Coruña, Ames e Porriño, máis de 1.600 SIM para que se distribúan entre familias en risco de exclusión ou estudantes sen acceso a Internet para garantir a súa conectividade.
Doutra banda, Vodafone tamén informou dun reforzamento da cobertura en contornas sanitarias e garantiu as comunicacións na nosa terra cunha infraestrutura sólida de comunicacións dirixida a mellorar a coordinación sanitaria e o benestar dos pacientes.
“Ante o Estado de Alarma xerado pola COVID-19”, explican fontes da operadora, “estivemos traballando na contorna sanitaria para analizar a súa cobertura actual, reforzala sempre que foi necesario e facer monitoraxe do seu funcionamento 24×7 para asegurar os necesarios estándares de calidade”. O obxectivo é “dar soporte ao incremento no volume de tráfico, asegurando a súa máxima dispoñibilidade e seguridade, debido o carácter crítico da actividade que se está desenvolvendo”.
Vodafone subministra máis de 1.600 cartóns SIM para loitar contra a fenda dixital na nosa terra
Compartir Este Artigo

