Banco Santander e as Cámaras de Comercio de Santiago de Compostela e de A Coruña lanzan a cuarta edición do Premio Peme do Ano. Segundo veñen de informar, as empresas interesadas poderán presentar as candidaturas a través da páxina web das ditas entidades camerais desde o 8 de xuño ata o 18 de setembro. Ademais do gañador, concederanse catro accésits: Internacionalización, Innovación e Dixitalización, Formación e o Emprego, e Empresa Responsable. Ademais, con carácter extraordinario, convócase nesta edición unha mención especial á Mellor Iniciativa na loita contra o COVID-19, levada a cabo en 2020.
O obxectivo deste certame é “recoñecer o labor das pequenas e medianas empresas como xeradoras de riqueza e creadoras de emprego no desempeño do seu labor cotián”. A esta nova convocatoria poden concorrer todas as pequenas e medianas empresas da provincia da Coruña con menos de 250 empregados e cunha facturación anual inferior aos 50 millóns de euros no exercicio 2019.
A empresa gañadora concorrerá ao Premio Nacional Pyme del Año 2020, que se fallará no primeiro trimestre de 2021. Igualmente, as firmas gañadoras dos diferentes accésits e a mención especial concorrerán ao Premio Nacional nas súas respectivas categorías.
As entidades interesadas en participar deberán encher o formulario de inscrición que atoparán na web das Cámaras de Comercio de Santiago e A Coruña, onde tamén poden consultar as bases do concurso. O xurado valorará nas súas deliberacións méritos como a creación de emprego, con especial atención ao emprego indefinido; as accións de formación para os empregados; a actividade internacional, fixándose na evolución das exportacións e a apertura a novos mercados; e as iniciativas de dixitalización e innovación, así como os proxectos socialmente responsables e, con carácter especial este ano, “as accións levadas a cabo para loitar contra o COVID-19”.
As cámaras de Santiago e A Coruña convocan a cuarta edición do Premio Peme do Ano
Compartir Este Artigo

