A rede galega ferve estes días de recursos tecnolóxicos dos que botar man para o regreso á normalidade dos nosos negocios. Por exemplo dende a Confederación de Industrias Téxtiles de Galicia, COINTEGA, que puxo en marcha un webinar baixo o título Mercadotecnia dixital o escaparate perfecto, co que busca “axudar aos asociados a apoiarse nas oportunidades que ofrece o mundo dixital, para afrontar a crise xerada pola COVID 19”. A actividade contará coa presenza de Roi Scroll, axencia de mercadotecnia dixital galega.
O webinar, que é de balde para chegar á meirande cantidade de profesionais e empresas, quere ser un recurso de utilidade para “mostrar camiño da recuperación que, sen dúbida, pasa pola transformación dixital”. Porase o foco en analizar como estes procesos tecnolóxicos poden axudar aos negocios na súa recuperación.
A cita será este xoves 11 ás 12.00 horas. Para podermos participar, está dispoñible unha ligazón específica na web da devandita axencia de mercadotecnia dixital.
Impartido polas expertas en redes sociais, posicionamento e novas técnicas de marketing, Uxía Fontán e Andrea Pereira, ambas integrantes do equipo de Roi Scroll, o seminario en liña servirá tamén para mostrar como facer negocio nas contornas dixitais, “para que nada free ás empresas” e sexan quen de “minimizar o impacto de situacións como a que estamos a vivir agora mesmo e que seguiremos experimentando, durante unha desescalada que nos irá levando a unha nova normalidade”, explican dende COINTEGA.
COINTEGA e Roi Scroll mostran nun webinar as vantaxes post-COVID da dixitalización
Compartir Este Artigo

