A fibra óptica de Movistar segue a dar pasos no concello de Tomiño, en Pontevedra. Segundo vén de anunciar a operadora, este mércores 10 de xuño entraron en conexión, a través da tecnoloxía FTTH de Telefónica (fibra ata o fogar), 489 novas unidades inmobiliarias, que se suman ás 336 que xa dispoñen desta tecnoloxía. As novas unidades engadidas á cobertura emprázanse nos núcleos de Gándara, O Mosteiro, O Pazo, O Porto, Ral, Ramo, Salgosa, Sobre A Veiga, Solvado, Vilachán, Vilar e Vilardematos.
A posta en cobertura destes fogares, que xa foi comunicada á alcaldesa do municipio, Sandra González, implica que os domicilios poderán gozar da fibra óptica de Movistar, que ofrece, segundo lembra a operadora, “voz con alta calidade nas chamadas e máxima velocidade de conexión a Internet en varios dispositivos (computador, tableta, móbil) de maneira simultánea e sen reducir velocidade de conexión, entre outras vantaxes”. Ademais, se o usuario dispón de Movistar+, terá acceso a canles de alta definición e poderá gozar dos seus contidos mentres navega por Internet. Igualmente conseguirá a máxima velocidade e resposta nos xogos en rede.
Este despregue está impulsado polo Ministerio de Economía a través do Plan Nacional de Extensión de Banda Larga de Nova Xeración, PEBANG. Telefónica continúa así coa súa política de colaboración público-privada para, nas súas palabras, “situar a Galicia á vangarda en infraestruturas de telecomunicacións de última xeración”. Segundo lembra a operadora, a finais de 2019 o 60% da poboación da provincia de Pontevedra contaba con cobertura de fibra óptica (FTTH) de Movistar, o que supuxo un total de 347.315 vivendas e negocios e un 14,7% máis que no exercicio anterior.
A previsión é que na provincia entren este ano en cobertura outras 43.854, tamén en núcleos dispersos e orograficamente complexos, aumentando en máis dun 12,6% a poboación da provincia que poderá gozar da fibra óptica de Telefónica.
Tomiño suma preto de medio milleiro de fogares á rede de fibra de Movistar
Compartir Este Artigo

