A Concellería de Promoción Económica e Emprego de Vilagarcía presentou un programa de traballo para facer avanzar as empresas locais en materia de dixitalización e modernización. O obxectivo desta iniciativa, abeirada ao Plan de Protección do Tecido Social e Económico de Vilagarcía creado polo Concello, é contribuír á recuperación do tecido produtivo local neste verán de desescalada, ao tempo que se pon en xogo un elemento clave de competitividade e resistencia fronte a situacións adversas como esta que estamos a vivir.
A estratexia está destinada ao sector servizos, dado que é “o que maior peso ten na economía local de Vilagarcía e tamén porque está a ser o máis afectado pola crise económica derivada da pandemia”, informou o Concello, engadindo que das medidas incluídas poderá beneficiarse calquera negocio ou pequena empresa do municipio pertencente a este sector.
O programa Dixitalización e Modernización do Sector Servizos componse de tres liñas distintas de actuación: Implantación de sistemas de venta online; Asesoramento e implementación de TIC, soportes informáticos e tecnolóxicos; e Formación. Neste último bloque establécese un apartado concreto para capacitación en medidas de protocolos anti-COVID e un segundo de formación en comercio en liña e mercadotecnia comercial.
O Concello de Vilagarcía colaborará no desenvolvemento das accións que se acollan a estes tres puntos de dúas maneiras: colaborando no financiamento ou promovendo directamente iniciativas nas que poderán participar os interesados, por exemplo organizando accións formativas abertas ao sector.
Vilagarcía lanza un plan para dixitalizar e relanzar o sector servizos
Compartir Este Artigo

