Este venres celebrouse na Rede o webinario Re-acciona, Negocios que non paran. A dixitalización como resposta á pandemia. Nel participaron o conselleiro de Economía, Francisco Conde, e maila directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), Mar Pereira. A cita pechou un primeiro ciclo de encontros convocados dentro do servizo IGAPE Responde, activado desde o Estado de Alarma como xanela única para canalizar o apoio da Xunta a pemes e autónomos.
Durante a súa intervención, Conde asegurou que a dixitalización é “unha necesidade estratéxica para o tecido empresarial galego e un elemento diferencial que lle permitirá ser máis competitivo”.
Pola súa banda, Mar Pereira destacou que o programa Re-acciona ofrecerá nesta convocatoria 178 servizos para a dixitalización de pequenas e medianas empresas, facendo fincapé en novas tendencias tecnolóxicas e, tamén, “naquelas máis demandadas polas empresas” como a ciberseguridade a xestión en mobilidade ou a mercadotecnia de contidos. A directora da AMTEGA lembrou que estes servizos dinamizaranse a través do Centro Demostrador TIC, un i”nstrumento chave para favorecer a dixitalización empresarial”, engadiu.
Respostas a diferentes retos post-COVID
Este ciclo de webinarios supuxo unha aproximación aos retos aos que se terán que enfrontar as empresas na etapa post-COVID, así como aos apoios aos que poden acceder. No caso concreto do deste venres, o foco púxose na importancia da dixitalización e do uso da tecnoloxía para xerar un impacto positivo nas empresas e negocios galegos. Tal e como destacou Conde, a dixitalización é unha necesidade estratéxica xa que o futuro pasa por ela.
Por este motivo, engadiu, o Plan de reactivación económica incorpora medidas que afondan na transformación dixital do tecido empresarial como o Cheque dixital (7M€) que se pode solicitar desde xa para a instalación de tecnoloxías dixitais nas empresas que reforcen a conectividade, impulsando o teletraballo e as iniciativas empresariais no rural, entre outras cuestión.
Re-acciona ofrece preto de 180 servizos para a dixitalización post-COVID das pemes
Compartir Este Artigo

