A Deputación de Lugo abre este luns o prazo de preinscrición para os ciclos superiores (Produción e Realización) do seu Centro de Formación Audiovisual (CFA), a antiga Escola de Imaxe e Son da Fundación TIC. Os interesados deberán presentar unha fotocopia do DNI, a certificación académica e cumprimentar o impreso que atoparán na web da Deputación ou no propio centro. A documentación debe entregarse na sede do CFA, na rúa Frei Plácido Lemos s/n de Lugo. Estes cursos son, en palabras da entidade provincial, “unha clara aposta por un ensino de calidade e en igualdade de condicións” para todos os rapaces e rapazas lucenses interesados en formarse no eido audiovisual e tecnolóxico.
A Deputación ofrece 20 prazas para cada un dos ciclos, aínda que este número queda condicionado pola evolución da COVID-19, así como a organización das clases en quendas de mañá e tarde, co obxectivo de garantir a seguridade do alumnado e do persoal do centro formativo.
550 titulados cunha formación personalizada
Desde a posta en funcionamento da antiga Escola de Imaxe e Son en 2003, arredor de 550 mozos e mozas son titulados dos ciclos de Produción e Realización do centro dependente da Deputación. O seu modelo formativo inclúe un importante número de prácticas en escenarios reais ao longo de todo o curso, nas que o alumnado se enfronta ás esixencias que atopará cando acceda ao mercado laboral. Os grupos dos ciclos son pouco numerosos, o que permite unha formación personalizada. Ademais, o CFA conta cun profesorado altamente cualificado apoiado por técnicos profesionais con ampla experiencia no eido audiovisual, e unhas instalacións e dotacións modernas, con platós e salas de realización e son.
A Deputación de Lugo abre a preinscrición dos ciclos da antiga Escola da Fundación TIC, hoxe a CFA
Compartir Este Artigo

