Malia que o miolo do programa das nosas grandes festividades fica á espera de tempos mellores, máis seguros dende o punto de vista sanitaria, unha parte do programa destes acontecementos segue adiante nas redes, vivo e coa capacidade de atraer a nosa atención intacta. É o caso dun dos grandes eventos anuais da cidade de Lugo, o Arde Lucus, que segundo confirmou o Concello esta pasada fin de semana, “manterá a chama viva con medio centenar de actividades e o seu lanzamento virtual”.
A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e a concelleira de Xuventude Ana González presentaron o programa que este ano lle dará vida á XIX edición do Arde Lucus nas mesmas datas de celebración previstas inicialmente, os vindeiros 25, 26, 27 e 28, co fin de manter, nas súas palabras, “o espírito vivo da celebración”. Serán máis de medio centenar de actos e actividades organizadas polos colectivos de recreación histórica que organizan a celebración conxuntamente co Concello e que, segundo informaron, “adáptanse ao novo escenario derivado da crise sanitaria, enchendo as redes sociais de personaxes procedentes da época romana-castrexa da cidade”.
Actividades concretas
Como dixemos, o programa inclúe unha serie de iniciativas seguras que en ningún caso comprometen a seguridade da poboación. Por exemplo un concurso de decoración e engalanamento de balcóns, xanelas e fachadas; ao que cómpre engadir un certame de caracterización nas redes sociais, que consiste en subir fotografías ao Facebook, en modo público, baixo o cancelo #concursovolveremos. Os premios deste certame consisten en experiencias dunha fin de semana nalgunha das cidades e vilas que se integran, cos seus festexos e xunto ao Arde Lucus, na Asociación Española de Festas Históricas
Nas rúas tentarase manter vivos os festexos con actividades como a proxección dun vídeo-mapping nocturno na Mosqueira coas imaxes dos festexos de anos anteriores. Será de venres a sábado, días nos que se notará a presenza de soldados romanos nas rúas.
Amais, a concelleira de Xuventude sinalou que as redes sociais “tinguiranse tamén do vermello do Arde Lucus”, transformándoas por completo e “enchéndoas de personaxes ancestrais que non coñeceron as novas tecnoloxías”. Será, nas súas palabras, “unha edición virtual pero igual de apaixonante”, comentou.
Entre as novidades, anunciou a presenza da festa no popular videoxogo Super Quique, no seu nivel 2, que se estreará os vindeiros días.
O Concello tamén sinalou que a carreira Mvrvs Lvcis virá marcada, tamén, por este proceso de transformación e adaptación a contornas máis controladas. Esta cuarta edición da proba será “virtual e solidaria”, pois o recadado irá destinado a xuntar material de protección para persoas vulnerables que o soliciten a través de asociacións que traballen no eido social.
O Concello de Lugo prepara a edición do Arde Lucus máis virtual da historia
Compartir Este Artigo

