A Deputación de Pontevedra deu un novo e decisivo empuxe á quinta edición do seu programa para fomentar o emprendemento entre as novas xeracións e o sistema educativo galego: DepoEmprende. Esta convocatoria, da que se veñen de publicar as bases, diríxese aos centros sostidos con fondos públicos da provincia (Primaria, Especial, Secundaria e FP) e artéllase en tres proxectos: DepoEmprende na escola, DepoEmprende na ESO e DepoEmprende na FP.
Os centros que o desexen xa poden solicitar a súa adhesión ao programa ata o 30 de setembro, podendo participar nun ou en varios proxectos, atendendo aos requisitos de selección segundo a súa oferta educativa. A presentación de solicitudes realizarase obrigatoriamente por vía electrónica a través da sede electrónica da Deputación de Pontevedra e o proceso de selección será o de concorrencia competitiva atendendo ás características de cada proxecto.
A través das súas tres modalidades, DepoEmprende promove dinámicas de traballo que “fomenten o emprendemento no marco do sistema educativo e impulsen que o alumnado sexa protagonista da súa propia aprendizaxe”.
O programa desenvolverase no curso escolar 2020-2021 con tempos e metodoloxías que se adaptarán ás decisións que se tomen desde as administracións públicas sobre a organización e planificación do curso escolar e a evolución da crise sanitaria derivada da COVID-19.
Para o desenvolvemento eficaz de DepoEmprende a Deputación de Pontevedra dota aos centros participantes de formación, recursos e ferramentas. Entre estas accións destaca unha serie de formacións para o profesorado participante durante o desenvolvemento dos proxectos. A aprendizaxe será voluntaria e terá unha duración máxima de 20 horas co fin de afondar na cultura emprendedora e facilitar a posta en marcha dos proxectos nos centros educativos.
A Deputación de Pontevedra pon en marcha a quinta edición de Depoemprende
Compartir Este Artigo

