A Universidade do País Vasco (UPV) confiou á empresa galega Altia, referente en novas tecnoloxías, o servizo de soporte 24×7 da súa infraestrutura de educación online. O anuncio foi dado hai uns días, coincidindo co pleno proceso de desescalada e, polo tanto, cunha marcada e integral aposta pola teledocencia a todos os niveis: un tipo de educación que pode levarse a cabo fronte a case calquera tipo de adversidade. A través deste acordo, Altia encargarase da administración de sistemas e do soporte da plataforma de elearning da UPV.
O contrato, que comprenden os servizos xestionados e soporte 24×7 das plataformas de ensino en liña eGela, eGela PI, terá unha duración de 12 meses prorrogable a outras dúas renovacións de 12 meses de duración cada un delas e conta cun orzamento de 96.800,00 euros.
O soporte de Altia na UPV complementa o traballo realizado polo persoal TIC da universidade e ten como obxectivo a detección inmediata e a resolución dos fallos que se poidan producir nos servizos de teledocencia da institución educativa mediante a posta en marcha dun sistema que dea servizo 24×7.
A xestión e soporte das plataformas de educación a distancia abranguen a monitoraxe e chequeado do estado destas, o seu rendemento e o uso que se fai da contorna, así como a proposta de melloras en todos os niveis (BBDD, frontais web, Moodle) co fin de mellorar a experiencia do usuario final. Tamén se inclúe a xestión da seguridade de todos os compoñentes, tests de vulnerabilidade ou apoio tecnolóxico nas actualizacións da plataforma, entre outras tarefas.
Altia encargarase da administración de sistemas da plataforma de elearning da Universidade do País Vasco
Compartir Este Artigo

