Pontevedra será os días vindeiros un fervedoiro de formación nas máis diversas metodoloxías tecnolóxicas para apoiar a competividade, a produtividade, a busca de novos mercados e máis o emprendemento. A orixe disto está nunha nova colaboración entre a plataforma #Pontelovers e a Asociación de Autónomos e Pequenas Empresas de Galicia (APE), que ofrecerán este mes de xullo obradoiros de balde destinados a autónomos, emprendedores e pemes.
Financiados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo que dirixe Yoya Blanco, levarán por título Identidade e Marketing Visual, Inglés e Atención ao Cliente, Facilita 2.0 RGPD (un achegamento á normativa de protección de datos de carácter persoal), Aprende a Emprender, Uso de Certificado Dixital, Empaqueta-2, Atención ao Cliente e Calidade de Servizo e Colle o Relevo. Plan Repensa.
Os cursos poderán seguirse de xeito telemático ou presencial, cos correspondentes protocolos de prevención e seguridade contra a COVID19, achegándose a posibilidade dunha fórmula mixta de seguimento das aulas.
A Asociación de Autónomos xa está a facer chegar aos negocios de Pontevedra un boletín de inscrición que permitirá determinar cales son horarios máis acaídos para impartilos e que se poderán depositar na sede de APE Galicia en Gagos de Mendoza ou enviar a través do correo electrónico info@apegalicia.es. A inscrición poderase facer a través da web da entidade empresarial.
Segundo fixo saber a edil Yoya Blanco, este tipo de formación “ten nestes momentos unha importancia crucial, xa que nos atopamos nun punto de inflexión transcendental para o futuro do pequeno comercio e os autónomos”. E engadiu: “Estes obradoiros poden axudalos a diferenciarse, manter no tempo clientes e gañar outros novos, ter o seu propio ADN de empresa, especializarse, mellorar a súa loxística e avanzar tecnoloxicamente, ao tempo que manteñen valores como a proximidade e a tradición da zona xeográfica”.
A plataforma #Pontelovers e a APE enchen xullo de obradoiros tecnolóxicos de balde
Compartir Este Artigo

