Este martes 14 de xullo entregáronse en Santiago os Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, impulsados pola Real Academia Galega de Ciencias e a Axencia Galicia de Innovación (GAIN). Na sexta edición destes importantes e prestixiosos galardóns distinguise o labor de grupos de investigación do INIBIC e da USC, ao que cómpre engadir o recoñecemento a unha spin-off da UVigo. Tamén se entregou o primeiro Premio de Divulgación Científica a Jorge Mira e os Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas a Xavier Fonseca e Selina Otero.
O presidente da RAGC, Juan M. Lema Rodicio, asegurou no acto que “a transferencia de tecnoloxía é unha ferramenta clave para superar a crise sanitaria e económica provocada polo coronavirus” e que “en momentos coma este” a sociedade demanda solucións que só son posibles mediante “a investigación e a posterior aplicación dos seus resultados mediante a innovación”.
Os premios recoñecen as mellores prácticas de transferencia de coñecemento procedente dos organismos de investigación ao tecido produtivo, cunha dotación de 6.000 euros netos en cada unha das súas categorías. O certame, como dixemos, está promovido pola RAGC, coa colaboración da Axencia Galega de Innovación (GAIN) da Xunta de Galicia.
A directora da GAIN, Patricia Argerey, subliñou a relevancia da transferencia de tecnoloxía, que “permite valorizar socioeconomicamente o investimento realizado en ciencia”. Argerey tamén destacou o importante papel que xoga a comunicación e a divulgación da ciencia na sensibilización social cara a ciencia, especialmente nun intre tan complexo como o que estamos a vivir.
Participaron tamén na entrega dos galardóns o secretario xeral de Universidades da Xunta de Galicia, Xosé Alberto Díez de Castro; o reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López; o reitor da Universidade da Coruña (UDC), Julio Abalde; a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais da Universidade de Vigo (UVigo), Mónica Valderrama; e o coordinador institucional do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC), Antonio de Ron.

Tamén foron entregados os Premios de Xornalismo Científico Celia Brañas, tamén convocados conxuntamente con GAIN. O primeiro premio, dotado con 3.000 euros, foi recollido por Xavier Fonseca, redactor do diario La Voz de Galicia, pola reportaxe titulada Se o quentamento segue, hai opcións de que chegue a Galicia un gran furacán. O accésit deste premio, dotado con 1.000 euros, correspondeulle a Selina Otero por A aposta científica das aulas galegas, publicado no xornal Faro de Vigo.
Mellores proxectos de transferencia
Polo que respecta aos gañadores dos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia, o Premio Ricardo Bescansa Martínez correspondeulle á spin-off da UVigo RelEYEble polo seu sistema de visión artificial capaz de detectar condutas irresponsables no control da COVID-19, recoñecido polo xurado como mellor caso de éxito empresarial de transferencia de tecnoloxía.
O Premio Francisco Guitián Ojea, que destaca a mellor tecnoloxía aínda non transferida pero susceptible de ser aplicada ao sector empresarial, foi recollido polo grupo de investigación CellCOM do Instituto de Investigación Biomédica da Coruña (INIBIC), que, en colaboración coa UDC e co Instituto Ramón y Cajal de Investigación Sanitaria de Madrid, desenvolveu un composto farmacolóxico para evitar os efectos negativos da radioterapia e da quimioterapia sobre a pel dos pacientes oncolóxicos.
Por último, o Premio Fernando Calvet Prats, que recoñece o mellor traballo de tecnoloxía xa transferida con éxito ao sector empresarial, foi para o Grupo Interdisciplinar en Tecnoloxía Farmacéutica, Inmunoloxía Parasitaria e Parasitosis Hídricas da USC pola formulación dun verniz de unllas medicamentoso para o tratamento de infeccións fúnxicas e da psoriase ungueal.
A RAGC e GAIN entregan os galardóns dos sextos Premios de Transferencia de Tecnoloxía en Galicia
Compartir Este Artigo

