
A app, posta en marcha polo vigués David Pena, desenvolveuse co obxectivo de coleccionar e recomendar todo tipo de servizos e produtos a través da súa plataforma, buscando dar forma a “un espazo de utilidade onde compartirmos experiencias e gustos”.
Peoople, máis en detalle, permite aos usuarios xerar ingresos grazas á actividade e á interacción que reciban por parte dos seus seareiros como, por exemplo, polo número de likes ou as vendas completadas a través das súas recomendacións.
A aplicación, que dende o mes de xaneiro aumentou o número de usuarios un 42% mensual, foi quen de “adiantar a Twitter en materia de funcionalidades innovadoras”, ofrecendo aos usuarios facer recomendacións por audios desde calquera dispositivo móbil (iOS e Android), segundo nos conta o galego David Pena, director executivo (CEO) de Peoople e responsable da súa posta en marcha, xunto co madrileño Gonzalo Recio. Pena engade que se ben a startup contaba cun millón e medio de usuarios en xaneiro, “dende entón aumentamos a nosa comunidade ao redor dun 42% cada mes coincidindo co confinamento, onde a xente demandaba recomendacións de películas, series ou libros que consumir desde casa”. Ademais, comenta, “os influencers utilizaron Peoople masivamente coa idea de proporcionar contidos útiles aos seus seareiros durante estes meses de confinamento encerrados, e tanto foi así que a nosa ferramenta converteuse na rede onde máis aumentou a súa frecuencia de visita, por diante de TikTok, Instagram ou WhatsApp”.
Entre os usuarios de Peoople, 1.700 deles son considerados referentes dixitais, que utilizan a plataforma como unha canle exclusiva onde poder compartir coa súa audiencia todo tipo de recomendacións.
Peoople superou tralo confinamento os cinco millóns de usuarios
Compartir Este Artigo

