Finalmente e malia os efectos da crise sanitaria, resultou ser un éxito de participación e seguimento a experiencia de vídeos divulgativos contra as fake news impulsada dende o Campus de Pontevedra polo proxecto Dixitais. Laboratorio cidadán para a competencia dixital e mediática, no que, baixo a coordinación do profesor Alberto Dafonte, tiveron parte activa máis de 60 estudantes do grao en Publicidade e Relacións Públicas. A iniciativa, que proseguiu o seu desenvolvemento durante o máis crítico da pandemia, contou coa colaboración do banco de tempo A Redeira. Participaron once grupos, difundindo finalmente as súas creacións, moitas das cales resultaron ser vídeos para TikTok sobre falsos mitos arredor do sexo. Un dos vídeos, o achegado por Ángela Castro, sumou en poucos días máis de 60.000 visualizacións e máis de 10.000 gústame nesta rede social.
Seleccionado na convocatoria de proxectos de aprendizaxe-servizo impulsada pola Vicerreitoría de Responsabilidade Social, Internacionalización e Cooperación para o presente curso, nesta iniciativa participaron 63 estudantes da materia Teoría e práctica da comunicación televisiva. Co propósito de que creasen vídeos orientados a públicos concretos en contacto con persoas pertencentes ás franxas de idade ou colectivos aos que se dirixirían, o proxecto contaba coa implicación de A Redeira. Mais a crise sanitaria da COVID19 obrigou a mudar, recoñece Dafonte, “non tanto o resultado final”, pero si os procesos de traballo “que foron un pouco menos participativos do previsto”. Pese a todo, varios dos grupos puideron manter unha xuntanza coas coordinadoras da Redeira, que posteriormente puxeron en contacto aos estudantes con expertos ou profesionais relacionados cos seus ámbitos de traballo.
Segundo informa, houbo grupos que “abordaron a cuestión da desinformación en xeral, desde a perspectiva de cal é a problemática e que debes facer para evitala”, mentres que outros centráronse en “cuestións máis concretas”. Nalgúns casos puxeron o foco nos “boatos alimenticios, relacionados con dietas e nutrición”, mentres outros traballaron sobre mitos e informacións falsas relacionadas coa orientación sexual e identidade de xénero.
Entre os vídeos, que o alumnado tivo que realizar desde as súas casas figuran tamén traballos “sobre a Sida e as ideas preconcibidas e prexuízos que poden existir en relación con esta doenza” ou centrados en desmentir informacións falsas relacionadas coa saúde e a crise da COVID difundidas por influencers.
A maioría optaron, así mesmo, por crear unha serie de vídeos breves, en formato vertical, pensados para redes como TikTok ou Instagram, aínda que tamén houbo grupos que realizaron un vídeo máis extenso, xa en horizontal que podería empregarse en redes como Facebook ou Youtube.
Máis de 60 estudantes combateron nas redes as fake news dende o Campus de Pontevedra
Compartir Este Artigo

