Esta semana do 20 ao 25 de xullo prosegue a formación tecnolóxica da rede SmartPEME da Deputación de Pontevedra, en formato online pero co mesmo obxectivo que caracterizaba a rede antes da crise sanitaira: capacitar ás nosas pequenas e medianas empresas, profesionais e autónomos nas múltiples vertentes do ámbito dixital, co obxectivo de aumentar a súa produtividade, competitividade e empregabilidade. Estes días SmartPEME oferta cursos sobre como mellorar o noso negocio, sobre as posibilidades da rede social LinkedIn, sobre como protexernos online ou sobre o potencial de Google Analytics para o noso negocio.
Máis polo miúdo, trátase de cinco novas accións formativas impartidas en liña, con dez prazas cada unha e enmarcadas na carteira de obradoiros que se imparten de forma telemática.
Este luns 20 impartiuse Consideracións á Hora de Crear o meu Modelo de Negocio, a cargo do enxeñeiro informático, José Luis Taboada. Para o martes 21 SmartPEME ten programado un obradoiro titulado LinkedIn para Empresas, que contará coa licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, María Aller. O mércores 22 será a quenda de Promociona a túa Empresa a Través dos Stories de Instragram, impartido por Adrián Fernández, licenciado en Comunicación Audiovisual.
Ao día seguinte, o xoves 23, Lara Taboada, titulada superior en Ensinos Artísticos de Deseño Gráfico, falará sobre Infografías: Representa a Información de Maneira Visual. Para finalizar a semana, o venres 24, Esther Garciñuno, diplomada en Ciencias Empresariais, ensinará ás e aos participantes o funcionamento de Google Analytics para a Toma de Decisións. Os cinco obradoiros desta semana serán impartidos en horario de 12.00 a 13.00 horas.
As posibilidades de negocio das redes sociais, ao detalle esta semana da man de SmartPEME
Compartir Este Artigo

