O Goberno galego, a través da axencia AMTEGA e a Consellería de Educación, formalizou a súa adhesión ao programa Educa en Digital, unha iniciativa estatal que destinará 8,5 millóns de euros (co-financiados pola dita Consellería) á adquisición de portátiles con conectividade para alumnos en situación de risco.
A compra destes equipos, que será licitada por Red.es, podería beneficiar ata 17.000 alumnos galegos, en función dos requirimentos da licitación, que xestiona o devandito organismo público-empresarial. AMTEGA lembra que a previsión do Estado é comezar a distribuír os equipos, en réxime de cesión temporal, a finais do primeiro trimestre do curso 2020/2021.
Por outra banda, na liña de seguir avanzando na transformación dixital da nosa docencia, o Goberno galego tamén comunicou a extensión dos contidos dixitais para os cursos de 3º e 4º da ESO. Con este obxectivo, a AMTEGA licitará nas vindeiras semanas un contrato que permitirá dispoñer de contidos dixitais de dous provedores distintos por cada materia de destes cursos. Cun importe de 600.000 euros por dous anos, prorrogables outros dous, o contrato beneficiará a preto de 15.000 alumnos duns 130 centros E-Dixgal que imparten 3º e 4º da ESO a partir do segundo semestre do vindeiro curso, que será cando estean dispoñibles estes contidos.
A educación galega adhírese ao programa estatal para dotar de equipos e conectividade a alumnos en risco
Compartir Este Artigo

