A sétima edición da Pont-Up Store, a gran feira de emprendemento de Pontevedra, presentará 46 startups galegas innovadoras e creativas. Así o vén de confirmar a UVigo (Campus Crea), logo dun proceso de selección no que se tiveron en conta as contribucións de case 150 candidaturas de novas empresas galegas e máis do eido estatal. O comité organizador da Pont-Up Store fixo pública este xoves 23 de xullo a listaxe definitiva de participantes.
O director do evento, o profesor do Departamento de Organización de Empresas e Marketing, Pedro Figueroa, valorou moi positivamente estes resultados de inscrición, cos que, “malia a recesión económica derivada da COVID e de contar con dez días menos de prazo, conseguiuse igualar practicamente o número de empresas que optaban a participar no evento de referencia do novo emprendemento no noroeste peninsular”.
A feira celebrarase entre os días 17 e 19 de setembro e farao en formato híbrido, combinando actividades en liña con presentacións ao vivo desde a carpa que se situará na praza de España e outras localizacións da cidade. En total van participar 36 empresas con stand, dez empresas que desenvolverán actividades demostrativas na carpa, e outra oito no Talent Business Pont-Up Exprés.
Pont-Up Store conta co apoio do Concello de Pontevedra como patrocinador principal, e é froito da cooperación de case 40 entidades públicas e privadas que durante os últimos seis anos foron sumándose como patrocinadores ou colaboradores ata conformar “un ecosistema de apoio ao emprendemento co obxectivo de converter a cidade do Lérez, durante tres días, na capital galega das mellores iniciativas empresariais”.
En canto aos sectores destas empresas emerxentes, o encontro volve rexistrar unha participación multisectorial con moita diversidade nas tipoloxías participantes e gran presenza de emprendementos innovadores e creativos. A gastronomía é a actividade arredor da que xiran A Factoría do Lume con elaboración artesá de salsas e produtos picantes; Bilurico Ready to Drink Tea con tés e infusións ecolóxicas en botella; Minsterio Brewing, unha pequena marca de cervexa independente; Trigo Limpio, que cultiva, amasa e coce fariña de trigo galego elaborada con técnicas tradicionais; Tappear Drinks & Tapas, un aplicación móbi con información de interese sobre bares; e Chack Moll Taquería Mexicana.
Arredor da moda, os complementos, a xoiería e as tendencias haberá un numeroso grupo de empresas que destacan polo seu enfoque social: Conloquetengo, Contraform, A Ovella Negra, Aifalaches.Gal, Bink&Plue, Fio de Martié, Nael Swimwear, Nai Deseños, O Faneco, Offconnection, Mii And Loli e Panda Bohème.
No que se refire ao eido artístico, seleccionáronse as empresas Amalgama Xestión Artística, Xeitosa Producións, Ar De Arte, Baia Fernández De La Torre, Membrilla, Hollymara, Creativas Galegas e La Parabólica. Coa sustentabilidade como eixo central presentarán as súas propostas Corazón de Carballo Granxa Escola, Ertha Surfboards e Euca Green. No ámbito dos servizos para eventos participarán Pixelecer Audiovisual, Rayonubesol Photo e Helte Design.
Coa actividade centrada no rural galego, participará Smartwood, unha ferramenta tecnolóxica orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais e, coa vista posta “na innovación a partir da tecnoloxía e o abastecemento enerxético e a mercadotecnia” estarán Weet Energy & Telecom, a plataforma de dixitalización Xermy e a consultoría de innovación I+ADN.
Algunhas das empresas que participan con postos desenvolverán tamén actividades demostrativas. É o caso de Creativas Galegas, que presentará a súa marca a partir da creación dun “cadáver exquisito” traballando en directo con artistas de diferentes sectores durante os días do encontro. Bilurico Ready to Drink Tea ofrecerá unha cata dos seus tés e infusións embotelladas; Xeitosa Producións programará mini-concertos en formato showcase das artistas que representan, e tamén impartirán un curso de produción dun evento musical, e Etha Surfboard ensamblará en directo unha táboa de surf de madeira a partir dun kit de auto-construción. Entre as que teñen só presenza con actividade están Queixo e Aparte, que fará un pequeno obradoiro-degustación sobre o mundo do queixo; Fento Moda Sustentable Galega, cunha charla que será retransmitida en streaming sobre os impactos medioambientais e sociais do téxtil; Koompany gravará un podcast en directo sobre o mercadotecnia dixital e impartirá un obradoiro sobre a internacionalización online para emprendedores; Migueroa Ocio Educativo ten preparado un obradoiro de creación de instrumentos musicais a partir de refugallos e La Parabólica, con Julia de la Cal á fronte, ofrecerá unha demostración de cestería contemporánea.
A sétima feira Pont-Up Store presentará 46 firmas innovadoras galegas
Compartir Este Artigo

