A plataforma E-ponte.com, portal de ecommerce de Pontevedra impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, vén de coller novos folgos na súa carreira para converterse nun marketplace de referencia para consumidores e establecementos comerciais do municipio. A Concellería vén de informar que o portal, ao tempo que organiza e desenvolve formacións virtuais e presenciais sobre o uso de ferramentas para dixitalizar a xestión administrativa das empresas, quere xuntar forzas coa nova plataforma Ponteabastos.com, que integraría no seo seo para, en palabras do Concello, “optimizar a visibilidade e a xestión das vendas dos produtos do Mercado de Abastos”.
Malia que os detalles da colaboración están por pecharse, a proposta ten os mellores vimbios para saír adiante, xa que, como sinalan o responsable de Ponte Abastos, Jorge Eyo, e a concelleira Yoya Blanco, resulta “de gran interese para os dous portais, e máis tendo en conta a boa evolución do portal E-ponte.com, xurdido no confinamento e a día de hoxe con máis de 80 empresas adheridas. Amais, engadiu a edil, o portal está a pechar acordos coa entidade bancaria Abanca para a xestión da plataforma de pagamentos e con Correos para o servizo de reparto dos produtos.
Por certo que neste intre a plataforma de ecommerce está nunha fase formativa, achegando obradoiros online e presenciais a comerciantes/as, emprendedores/as e empresarios pontevedreses, co obxectivo de fomentar o uso do marketplace e das novas tecnoloxías.
Por este motivo, a concelleira lanzou un chamamento ás empresas a inscribirse de xeito gratuíto no portal na opción Rexistrarse “para que dispoñan dun sitio que lles facilite o comercio electrónico e recibir un conxunto de ferramentas con potencial para transformar a xestión administrativa, a promoción e a atención dos clientes”.
A plataforma E-ponte.com xa xunta 80 empresas pontevedresas
Compartir Este Artigo

