Medio Ambiente e Medio Rural veñen de fortalecer a súa colaboración para loitar contra os incendios forestais. E farano en boa medida poñendo en común os seus recursos tecnolóxico-xeográficos, co obxectivo de avanzar no coñecemento pormenorizado da xeografía galega e, polo tanto, dos espazos sobre os que actuar contra os lumes.
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, e o conselleiro do Medio Rural en funcións, José González, asinaron este venres 28 un convenio de colaboración para “aproveitar e unir sinerxías” e definir estratexias preventivas e de planificación coas que anticiparse aos lumes forestais. O convenio asinado entre a Consellería do Medio Rural e o Instituto de Estudo do Territorio, organismo dependente de Medio Ambiente, porá a disposición deste obxectivo común o Sistema de información Xeográfica, o que permite almacenar, analizar e modelar grandes cantidades de datos e poder delimitar as distintas redes de faixas de xestión da biomasa. A colaboración manterase os vindeiros catro anos, polo que o Goberno galego destinará máis de 140.000 euros para o desenvolvemento das actuacións previstas.
José González salientou que este labor conxunto do Instituto de Estudos do Territorio e da Consellería do Medio Rural “vai reforzar a defensa dos núcleos de poboación fronte o lume, na medida en que permitirá analizar a información urbanística dos concellos, as construcións e o resto de datos necesarios para a xeración das faixas secundarias, é dicir, as franxas de terreo máis próximas ás vivendas”.
Na sinatura os conselleiros puxeron en valor o visor tecnolóxico do que xa dispoñen os 186 concellos que teñen o seu plan anti-incendios aprobado e que lles permite “valorar e delimitar as contornas de protección de bens materiais e persoais, dun xeito sinxelo”. Trátase, dixeron, “dunha ferramenta pioneira e de gran utilidade para os municipios, xa que con ela poden ver as parcelas que están nas franxas dos 50 metros máis próximos ás vivendas coa súa referencia catastral”.
Medio Ambiente e Medio Rural compartirán tecnoloxías para intensificar a loita contra o lume
Compartir Este Artigo

