A plataforma Ribeira Store xa é finalmente unha realidade para usar e para tirarlle proveito. A presentación na praza consistorial do servizo de comercio electrónico do Concello de Ribeira marca o arranque dunha etapa na que, en palabras do alcalde Manuel Ruiz, “tan só cun móbil ou un ordenador os veciños poden mercar os produtos e servizos dos comerciantes que están ao seu carón”. O marketplace ribeirense inicia a súa andaina cun total de 129 negocios adscritos á plataforma e a posibilidade de adquirir a día de hoxe 593 artigos diferentes (máis de 900 no caso de que se inclúa as distintas variedades de cada un dos mesmos). A plataforma está dispoñible tanto en galego como en castelán.
Tal e como recordou a concelleira Innovación Tecnolóxica, Ana Barreiro, durante o acto de presentación, “a idea de lanzar esta plataforma xurdiu durante o confinamento como unha forma de axudar aos nosos empresarios e autónomos nuns tempos nos que os seus ingresos se viron mermados drasticamente”. A edil avanzou que logo de dous meses realizando unha campaña de captación vaise poñer en marcha agora unha campaña de marketing dixital para visualizar e priorizar a plataforma en Internet, en tanto que o seu colega da área de Promoción Económica, Ramón Doval, salientou que Ribeira Store “está aquí para quedar”.
Edelmiro Justo, de TokApp (a empresa responsable de desenvolver o marketplace), explicou que o lanzamento de Ribeira Store é a primeira fase dun plan que contempla tamén a próxima posta en marcha dunha aplicación móbil (que, entre outras prestacións, levará integrada a propia ecommerce) así como a construción dunha nova páxina web institucional máis potente, versátil e intuitiva que a actual. O emprendedor tamén fixo unha sinxela demostración de como funciona Ribeira Store, onde se pode buscar tanto por produtos como por comercios e inclúe a posibilidade de realizar ofertas e promocións tal e como de feito teñen realizado xa varias tendas.
Entra en funcionamento a plataforma Ribeira Store con 129 negocios
Compartir Este Artigo

