Co fin de botar unha man, nestes tempos complexos de COVID, a emprendedoras e emprendedores que queiran dar forma a un proxecto de mercado, o Concello da Coruña puxo en marcha obradoiros formativos e gratuítos que abordan cuestións relevantes sobre novos xeitos de vender produtos, xestionar un negocio ou comunicarse con usuarios e clientes. Os obradoiros tamén se encamiñan a persoas traballadoras autónomas, comerciantes e empresariado en xeral.
Esta iniciativa, que complementa o Plan de Reactivación Económica e Social da Coruña (PRESCO), ten o obxectivo de proporcionar á xente emprendedora coñecementos e habilidades necesarias para desenvolver e consolidar a súa idea de negocio, apoiando desta maneira a creación e mantemento de negocios na cidade da Coruña.
Trátase de talleres formativos de carácter gratuíto e de curta duración que se impartirán en liña entre os meses de setembro e decembro, e que se agrupan en cinco bloques temáticos. Haberá, entre outros, cursos sobre como Emprender proxectos en liña (con inicio o 17 de setembro), sobre Estratexias para captar novos clientes (8 horas, con inicio previsto para o 22 de outubro), sobre Ciberseguridade na empresa (7 horas, con inicio previsto para o 8 de outubro), sobre Ferramentas de Google para emprendedores e empresas (10 horas, co comezo programado para o 27 de outubro) ou, tamén, sobre o Certificado dixital para pemes e autónomos (4 horas, con inicio previsto o 24 de novembro).
As prazas son limitadas e outorgaranse por orde de inscrición. Ademais, as persoas participantes que realicen as tarefas propostas e superen os exercicios de avaliación recibirán un diploma acreditativo da realización de cada un dos talleres.
O prazo de inscrición xa está aberto. As persoas interesadas poden inscribirse desde a web do Concello da Coruña.
A Coruña lanza un amplo feixe de obradoiros tecnolóxicos para persoas emprendedoras
Compartir Este Artigo

