O programa de capacitación tecnolóxica SmartPEME prosegue esta segunda semana de setembro con máis actividades formativas para profesionais, persoas autónomas e pequenas e medianas empresas: un programa de obradoiros en liña cen por cen adaptado ás demandas de distanciamento e teleformación que impón a nova realidade sanitaria. Ata o 11 de setembro o programa de asesoramento tecnolóxico da Deputación de Pontevedra oferta cinco cursos sobre Intelixencia Artificial, mercadotecnia dixital ou Google Data Studio.
Máis polo miúdo, o luns 7, Sonia Torres, técnica de Empresas e Actividades Turísticas, impartirá un obradoiro de Ferramentas Dixitais para a Restauración e Hostelería. Ao día seguinte o enxeñeiro informático, José Luis Taboada, fará o propio nun obradoiro titulado Crea un Plan de Márketing Dixital para a túa Empresa. Para o mércores 9 hai programada unha actividade sobre Ferramentas de Email Márketing: Sendinblue con Fátima Faílde, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas. O xoves 10 o experto universitario en robótica, Manuel Freire, falará sobre a Intelixencia Artificial: Que é e como Funciona?. Para rematar a semana María Aller, licenciada en Publicidade e Relacións Públicas, levará a cabo o venres 11 un obradoiro titulado Obtén o Valor dos teus Datos con Google Data Studio.
SmartPEME ofrece na segunda semana de setembro outros cinco obradoiros en liña
Compartir Este Artigo

