O Centro de Intelixencia Artificial impulsado polo Concello de Ourense e emprazado en La Molinera conta desde este 18 de setembro cos seus dous primeiros enxeñeiros informáticos “residentes”. O alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, presidiu a toma de posesión de Édgar Figueiras e de Ignacio Abadín, dous científicos ourensáns formados no campus local, que acompañarán o director xeral de Innovación, Tecnoloxía e Intelixencia Artificial, David Olivieri, na posta en marcha do proxecto. A eles uniranse esta semana un terceiro enxeñeiro, e ducias deles máis ao longo dos vindeiros meses.
Segundo fixo saber o rexedor, os enxeñeiros desenvolverán o seu labor impulsando diferentes proxectos cos que combinarán a investigación co desenvolvemento de novos servizos tanto para o Concello, en apoio ao traballo que se realiza en diferentes áreas municipais, coma para as empresas locais e para a cidadanía.
Os dous enxeñeiros expresaron o seu entusiasmo por incorporarse ao Centro de Intelixencia Artificial. Édgar Figueiras dixo estar “moi orgulloso de formar parte deste proxecto que axuda a reter o talento total, que temos moito, e sobre todo por ter aquí a Escola de Informática, no Campus de Ourense”. Para Figueiras é un “proxecto moi intelixente” que “pode reverter na pequena empresa e valorar Ourense e á xente que traballa aquí a un nivel superior”.
Pola súa banda, Ignacio Abadín expresouse “entusiasmado porque é un proxecto que a cidade lle facía falta e que vai dar moito de que falar”. O enxeñeiro avanzou que desde o equipo do Centro de Coñecemento “traballaremos forte para crear unha boa base para seguir avanzando co paso do tempo e conseguir proxectos moi bos para Ourense”.
O Centro de Intelixencia Artificial de Ourense incorpora os seus primeiros enxeñeiros
Compartir Este Artigo

