Na mañá deste 22 de setembro presentouse en Santiago unha iniciativa para facilitar o avance das pequenas e medianas empresas da nosa terra cara ao terreo das novas tecnoloxías, un máis que necesario proceso de adaptación no contexto actual de COVID-19 (e tendo en conta, ademais, o carácter de urxentes que teñen elementos como o teletraballo, o ecommerce, a merdadotecnia dixital ou os novos xeitos de comunicarnos). Estamos a falar do Programa AceleraTech, impulsado pola axencia autonómica AMTEGA e o IESIDE. As actividades comezarán en outubro.
Segundo fixeron saber, “trátase dunha iniciativa formativa que ofrece ás pemes galegas, especialmente ao seu persoal directivo, a posibilidade de achegarse ás tecnoloxías disruptivas máis relevantes e os beneficios e condicionantes necesarios para integralas na súa estratexia, estrutura e modelo de negocio”.
No encontro deste martes 22 o docente do curso, Álvaro Gómez Vieites, avanzou as vantaxes das tecnoloxías disruptivas para o tecido empresarial co relatorio Transformación Dixital, xestión do cambio cultural, e o impacto de Big Data, IoT, Blockchain e a IA na transformación dos negocios.
Segundo explicaron, o programa está especialmente dirixido a xerentes e propietarias/os de empresas, xa “que estas son as persoas con capacidade de decisión e as que poden impulsar e liderar unha transformación tecnolóxica real destas”. As prazas para participar no programa son limitadas e os interesadas poderán preinscribirse na ligazón do CDTIC ata o día 1 de outubro. De entre as solicitudes recibidas, a AMTEGA seleccionará 25 directivos para asistir ás sesións formativas.
O programa desenvolverase a partir de outubro en colaboración con IESIDE e estenderase ao longo de cinco sesións formativas e un obradoiro final. As temáticas das sesións versarán sobre os seguintes aspectos: negocios dixitais; análise de datos a gran escala (Big Data), Ciencia de Datos e Intelixencia Artificial; Internet das Cousas e 5G; cadea de bloques (blockchain); ciberseguridade e transformación dixital das pemes con LEGO.
En marcha o programa AceleraTech para mergullar as pemes nas vantaxes da dixitalización
Compartir Este Artigo

