As Concellarías de Cultura e de Turismo de Marín achegan unha proposta cultural para premiar aos consumidores máis fieis do comercio e da hostalería local, trátase de agasallar entradas para un autocine que chegará á vila a partir do vindeiro 10 de outubro. Máis polo miúdo, para facerse coas entradas cómpre acumular, dende xa ata o 7 de outubro, un total de 50 euros en tickets de compra. A campaña está ligada á plataforma de dinamización dixital da economía local Marín en Rede.
De feito, será nos máis de 140 establecementos adheridos a esta plataforma nos que os marinenses poderán realizar as súas compras para ir sumando gasto ata completar o necesario para conseguir unha entrada.
Segundo explicou o Concello, cada entrada correspóndese cun vehículo, habendo un aforo máximo na praza do Regueiro para 80 coches. As entradas dispensaranse por orde de inscrición dos formularios ata que se remate o aforo. O gasto comercial pode facerse nun único tícket ou en varios e o mesmo acontece cos locais (pode ser un gasto realizado nun único establecemento ou en varios dos adheridos a Marín en Rede).
Durante os últimos días, estes establecementos foron recibindo uns adhesivos identificativos co logotipo de Marín en Rede. Tanto os comerciantes como os clientes que poidan ter dúbidas con respecto á campaña, poderán escribir un correo electrónico a contacto@marinenrede.com.
As concelleiras de Cultura, Beatriz Rodríguez, e de Turismo, Cristina Acuña, explicaron na presentación da activiade que se trata de crear “unha campaña de dinamización comercial coa que poidamos axudar aos nosos comercios e locais a manter a súa actividade económica en momentos complexos como o que estamos a vivir”.
Marín premia con entradas de autocine aos usuarios da plataforma local de ecommerce
Compartir Este Artigo

